A plataforma A Ría Non se Vende acusa os responsábeis do porto dun delito contra os recursos naturais e o medio e outro de prevaricación.
A rede de colectivos A Ría Non Se Vende presentou este venres no xulgado de garda de Vigo unha denuncia penal contra os responsábeis da Autoridade Portuaria de Vigo, a presidenta Corina Porro e o director Luis Lara, entre outros, acusándoos dun suposto delito contra os recursos naturais e o medio e outro de prevaricación, en relación ás obras de ampliación que se están a realizar no peirao do Areal.
Segundo informan nun comunicado a denuncia fundaméntase na "falta de cobertura legal" dos citados traballos, xa que se están a executar sen que o proxecto "fose aprobado e tramitado debidamente segundo a lexislación vixente, sen someterse á preceptiva exposición pública". Así mesmo, a rede considera que as actuacións son "claramente prexudiciais para o medio" e denuncia que se están a realizar malia que o Porto carece de Plan de Utilización de Espazos. Todos estes feitos son coñecidos polos responsábeis da Autoridade Portuaria, segundo aseguran os denunciantes, engadindo que, ao seu xuízo, estas persoas "están a incorrer nun delito de prevaricación".
"Medidas preventivas"
Ante esta situación, a denuncia pide a adopción de "cantas medidas preventivos se entendan oportunas co fin de evitar os feitos irreversibeis que suporía a realización da obra".
Por outra banda, A Ría Non Se Vende informou de que, paralelamente á denuncia, se continúa coa tramitación dos recursos contencioso-administrativos contra os proxectos de ampliación de Bouzas, do peirao da Laxe co porto deportivo anexo e do Areal. Finalmente, o conxunto de colectivos critica a "mentira" do Porto á hora de dicir que a ampliación do Areal se realizaría mediante estacas e baixo o respecto ambiental, cando, segundo indican, "a maior parte da obra será recheo" realizado "con materiais inadecuados, procedentes das obras dos túneles do AVE", un material que provocará que "as correntes transporten a contaminación" por toda a ría".