Deberase proporcionar información clara sobre o prezo do servizo. A súa numeración indicará, asemade, a súa modalidade e custo.
Este venres entrou en vigor un código de conduta e unha orde ministerial que regulan as mensaxes de texto de tarificación adicional. Dende as cero horas, as empresas prestadoras deste tipo de servizos teñen que cumprir unha serie de normas para garantir os dereitos dos consumidores.
As denominadas SMS premium permiten participar en concursos ou descargar contidos enviando unha mensaxe a un número curto, a cambio de aboar un prezo máis elevado có dun SMS normal. Dende este venres, é obrigatorio que os números teñan cinco ou seis cifras, que indican, ao seu tempo, cal é o seu uso e prezo. En liñas xerais, os que comecen por dous terán un prezo inferior a 1,2 euros, os que teñan como primeira cifra un cinco custarán entre 1,2 e seis euros, os que comecen por sete corresponderán a servizos de subscrición e os que empecen por nove serán servizos para adultos cun prezo non superior aos seis euros.
A norma regula tamén a publicidade deste tipo de servizos, que deberá incluír o prezo e a identificación da persoa responsábel dun xeito "lexíbel" e en caracteres "estáticos". No caso de servizos que comecen por tres, sete ou nove, é preciso que o usuario acepte expresamente o servizo antes de que se lle poida cobrar.
Outros dos aspectos que regula o código son os horarios para a publicidade destes servizos ou o xeito de darse de alta ou de baixa dos mesmos. Así mesmo, prohíbese que se lles exixa ás persoas consumidoras enviar máis dunha mensaxe consecutiva para acceder a un servizo, pois "desvirtuaba" os niveis máximos de prezos, segundo o Ministerio de Industria.