Para acceder aos novos servizos será necesario contar cun carné de identidade electrónico ou cun certificado da FNMT.
A web do Servizo Galego de Saúde xa ofrece a posibilidade de consultar os datos da lista de espera cirúrxica dos pacientes. Ademais, poderanse recibir mensaxes sanitarias personalizadas a través do móbil, preferentemente recordatorios das citas cos especialistas.
Prevese que no futuro se vaian incorporando máis servizos de mensaxaría, como campañas de vacinación, cambio de citas ou recordatorios de medicación. Porén, para poder acceder a calquera destas innovacións será indispensábel contar con DI electrónico ou cun certificado dixital da fábrica española de moeda e timbre (FNMT).
De xeito experimental, os pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago poderán solicitar no centro, a partir de xaneiro, que se lles recorden as citas pendentes de atención especializada. Cando a medida se estenda a toda a rede, poderase pedir a través da web de Sanidade.
A consellaría salienta que os datos sanitarios dos pacientes estarán especialmente protexidos e serán custodiados pola institución, ao tempo que se compromete a impulsar novas canles de comunicación para facilitar a accesibilidade e transparencia do servizo público.