O IPC medra un 1,1% en outubro, mentres no Estado Español se incrementa nun 0,7%. Roupa e o calzado foron os que frearon a tendencia de caída dos últimos meses.
A roupa e o calzado incrementaron o seu prezo nun 10,8% no pasado mes de outubro
Galiza liderou, xunto con Aragón, a suba de prezos do pasado mes de outubro. O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medrou un 1,1% no último mes en relación ao mesmo período do ano anterior, tal e como se desprende dos datos do INE publicados este venres. Ademais, este incremento é superior á media estatal, onde o IPC aumentou un 0,7%.
Mentres, a taxa interanual continúa en variacións negativas, cun retroceso de oito décimas (-08%). A cifra galega supón case un punto e medio máis que en setembro, cando a variación intermensual fora un decremento do 0,3%. Tamén en termos anuais, Galiza rexistrou un dos maiores avances nos prezos do Estado Español, só superada por Canarias (+1,9%), Castela-A Mancha (+1,4%), Murcia e A Rioxa (1,2%).
Vestido e calzado
Unha vez rematadas as rebaixas, que noutro momento tiraron para abaixo dos prezos, a maior suba de cotizacións no pasado mes de outubro produciuse no vestido e no calzado, cun 10,8%.
Séguenlle o ensino (+1,4%) e a vivenda e o enxoval (+0,5%). Mentres, a maior baixada produciuse no grupo de ocio e cultura (-0,6%), os alimentos e bebidas non alcohólicas e o grupo de hoteis e restaurantes (-0,2%).
Por provincias, a maior suba foi a de Lugo, onde os prezos medraron un 1,7%, seguida de Ourense (1,1%). Mentres, tanto na Coruña como en Pontevedra, a suba foi unha décima inferior á galega, cun 1%