Unha web facilita o acceso a cámaras de videovixilancia e promete ingresos a cambio de información sobre actividades ilegais detectadas en liña.
Hai tempo que lles contamos da multiplicación de cámaras de vixilancia instaladas no Reino Unido. Hai tres anos, e só en Londres, xa había arredor de medio millón delas vixiando os cidadáns e calculábase que un cidadán calquera podía estar sendo rexistrado unha media de trescentas veces por día. Unha situación de ameaza á privacidade que provocou múltiples queixas por parte de colectivos en defensa dos dereitos civís.
Agora, o servizo bautizado Internet Eyes volve poñer de actualidade a polémica pola esaxerada aposta polo control da cidadanía a través da vídeogravación. Trátase dunha web que fornece acceso a milleiros de cámaras instaladas en rúas e negocios de todo o Reino Unido e que convida os internautas a vixiar os posíbeis "crimes" ou "actos vandálicos" que se produzan diante delas. Como se dun xogo se tratara, o sistema outorgará puntos a cada usuario rexistrado e mesmo prometen recompensas económicas no caso da detección de actividades dese tipo.