Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AEROPORTOS

O Goberno recúa e anuncia unha achega de 4,5 millóns para os voos de baixo custe

O obxectivo da Xunta é atraer máis viaxeiros aos aeroportos galegos e adianta que apostará pola interconexión entre as tres infraestruturas.

Redacción - 18:45 30/09/2009
Os catro millóns e medio distribuiranse entre as seis compañías que operan en Galiza

Os catro millóns e medio distribuiranse entre as seis compañías que operan en Galiza

Logo de que o Plan de Choque contra a crise económica do Goberno deixase fóra calquera tipo de subvención para as compañías de baixo custe e do consecuente enfado das tres cidades afectadas (Santiago, A Coruña e Vigo), a Xunta anunciou este mércores unha inversión de 4,5 millóns de euros na promoción deste tipo de voos. Ademais, destinará outro millón de euros a unha "forte campaña publicitaria" nos destinos emisores de turistas para xerar unha maior demanda e ampliará "considerabelmente" a achega económica que este ano destinou aos concellos con aeroporto (1.750.000 euros).

Así o adiantou a secretaria xeral para o Turismo, Carme Prado, quen tamén subliñou a recuperación da conexión Santiago-París, operada por Vueling, a partir do vindeiro 1 de decembro. Ademais, confirmou que a Xunta manterá a "triplicidade" de infraestruturas aéreas, se ben fomentará a súa interconexión, para que a oferta das tres terminais "non se solapen", para seren "máis competitivas".

Finalmente, subliñou que os acordos para o reparto destes catro millóns e medio de euros faranse directamente entre a Xunta e as compañías. Entre os destinos preferentes que analizará o Goberno estarán Berlín, Basel, Zurich, Munich, Bruxelas, Milán e Roma, especialmente de cara á celebración do ano xacobeo. Con todo, Prado asegurou que "dependerá dos proxectos das compañías" e vaticinou que no mes de outubro a Xunta poderá ter un mapa de rutas definitivo.

Competitividade con Porto e Sá Carneiro
Pola súa parte, as deputadas do BNG, Teresa Táboas e Carme Adán, reclamáronlle ao Goberno un incremento de "coordinación e planificación" dos tres aeroportos galegos, para poderen ser competitivos coa oferta portuguesa, fundamentalmente Porto e Sá Carneiro. Así, presentaron unha iniciativa parlamentaria na que solicitan información sobre as funcións que terá o comité de rutas (integrado por Xunta, Ministerio de Fomento e concellos, ademais de empresarios e asociacións).

Doutra banda volveron reclamar para a Xunta as competencias en materia aeroportuaria, unha cuestión que consideran imprescindíbel para que Galiza poida coordinar as tres terminais. Lamentaron que "mentres Porto ofrece 40 destinos, os galegos só ofrecen 23", e que "a metade sexa a Madrid por mor dunha planificación partidista". Nesta liña, exixiron "unha postura clara e un compromiso" ao tempo que defenderon o asentamento das liñas de baixo custe co obxectivo de que Galiza poida competir, fundamentalmente con vistas ao Xacobeo 2010.

Para o PSdeG, pouca fiabilidade
"Ou mente ou está mal informada". Esas son as opcións que baralla o PSdeG ao respecto das declaracións de Carme Prado sobre o investimento de 4,5 millóns de euros para compañías de baixo custe.

A deputada María Quintás acusou ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que "carecer de fiabilidade" e dixo: "parece que dirixe unha tertulia do corazón na que non importa a verdade en troques de dirixir unha consellaría". Adiantou que descoñecen se as declaracións "se basean en estudos certos e rigorosos ou o único que queren facer son titulares".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: