Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Perdendo cota fronte ao Norte de Portugal

Escaso crecemento dos aeroportos, descoordinados no cesto de AENA

O alcalde de Santiago vén de queixarse de que a "falta de decisións" frea o potencial de Lavacolla. Desde o BNG recordan a reclamación da transferencia destas infraestruturas para "planificalas desde Galiza".

Redacción - 09:30 30/08/2009
Aeroporto de Peinador

Aeroporto de Peinador

"Estase transmitindo a imaxe dun caos perfecto", laiábase esta semana o alcalde de Santiago de Compostela, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, ao respecto da inexistente planificación das administracións con respecto aos tres aeroportos galegos. As queixas do rexedor da capital do país atendían fundamentalmente aos problemas que agoira para o aeródromo compostelán de Lavacolla que, ás portas do Xacobeo 2010, ve como algunhas das empresas que operan na terminal poderían cambiar Galiza pola opción do veciño aeroporto de Sá Carneiro, no Porto.

O alcalde foi crítico especialmente coa Xunta, advertindo da presunta paralización das decisións ao respecto dos aeroportos desde o cambio de Goberno. "Non vaiamos repartir a metade do que hai entre tres", opinou na súa comparecencia pública, cualificando de "insensato" a suposta pretensión do executivo de reducir ou dividir os acordos vixentes durante a anterior lexislatura. "Cando se trata da capital galega seica hai que partilo todo en pedaciños", ironizou Sánchez Bugallo, defendendo que "o porto exterior de Santiago e a Citroën de Santiago é o turismo". "Non se trata de repartir a miseria, senón de acadar obxectivos", expresou Bugallo, chamando á coordinación. Doutro xeito, agoirou o alcalde, "vaise chegar a un resultado claro desde o punto de vista aeroportuario: Galiza, capital Porto".

O BNG propón a transferencia como chanzo previo á coordinación
"Son estratéxicas na conformación dunha rede de comunicacións que favorezan algúns dos sectores produtivos con maior peso no PIB galego". Así o subliñaba ao respecto das infraestruturas portuarias a deputada pontevedresa do BNG Teresa Táboas, quen achegou este sábado unha iniciativa do seu grupo parlamentario onde se urxe a transferencia da xestión dos aeroportos galegos. Para o Bloque, as negociacións para solicitarlle ao Estado esta competencia deberan comezar de xeito inmediato.

Táboas rexistrou así unha proposición non de lei para o seu debate en pleno, e dixo estar convencida de que "dotar a Galiza desas competencias vai permitir unha adecuación máis acaída desas infraestruturas ao tecido económico e social do país". "É fundamental poder planificalas dende Galiza, pois a súa xestión é transcendente á hora de iniciar procesos de especialización, apertura de novos mercados ou para potenciar o transporte de mercadorías, entre outros retos", expuxo. Na opinión da deputada do BNG, a importancia do transporte aéreo fai que a xestión dos aeródromos deba facerse dende Galiza, "xa que a centralización da mesma por parte de AENA promove un crecemento radial e unipolar en detrimento do desenvolvemento do país", conclúe Táboas.

Expertos admiten a necesidade de concentrar esforzos
Ás portas deste verán, os autores dun estudo publicado polo servizo de información científica do Ministerio de Ciencia e Innovación, sinalaban o caso galego como un dos principais exemplos a nivel estatal de descoordinación aeroportuaria. Fronte á actual situación, recomendaban con claridade a receita: "concentrar as operacións nun único aeroporto".

A comezos de 2009, o balance dos doce meses anteriores que sumaban Lavacolla, Alvedro e Peinador era claro: unha perda conxunta de 350 mil pasaxeiros. Mentres, o aeroporto Francisco Sá Carneiro, que en 2007 foi elixido como o terceiro mellor de Europa polo Airport Council International, remataba aquel 2008 cun volume de 4,5 millóns de pasaxeiros, un incremento de 550 mil respecto do exercicio anterior, chimpando por vez primeira sobre o conxunto dos tres galegos e converténdose no único con balance positivo na Eurorrexión. No que vai de ano, a evolución non será mellor para os aeroportos galegos, xa que o mellor treito acumúlao o compostelán, cunha perda de case o 3%, mentres que a pista viguesa acumula descenso de actividade de arredor do 20%.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: