Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lavacolla, Peinador e Alvedro

Un único destino aeroportuario, pero con tres terminais

A Xunta promete favorecer a coordinación aeroportuaria dos fondos baixo ese criterio, mais argumenta: "O 70% dos turistas chegan en coche".

Redacción - 17:50 31/08/2009

"O escenario ideal cara ao que debe avanzar Galiza é o dun sistema integrado de xestión aeroportuaria conxunta, a creación de complementariedades, a eliminación de competencias e a consideración de Galiza como un único destino con tres terminais, que non son iguais nin en condicións técnicas, nin de recepción de turistas e pasaxeiros totais, nin en localización". Tal é a reflexión que chega este luns desde a Consellaría de Cultura, coa promesa de consensuar a estratexia cos tres Concellos que acollen cadanseu aeroporto no país.

Desde a consellaría expoñen que a secretaría xeral para o Turismo negociará cos gobernos locais e coas compañías aéreas de baixo custe os posíbeis convenios de patrocinio publicitario. Aseguran ademais que desde a sociedade pública Turgalicia, se lles explicou aos responsábeis municipais "perfectamente" a vontade de que "participasen". Ao respecto, desde a Xunta critican que desde os respectivos departamentos de Turismo da Coruña, Vigo e Santiago só chegou un dos tres informes solicitados acerca da petición de destinos de interese. Aseguran desde o Goberno que a consellaría deseñou o seu propio informe de proposta e que o entregará en breve aos municipios.

Non hai resposta de momento ás queixas desde os concellos, nomeadamente desde o de Santiago, polo recorte de fondos e a "paralización" de decisións ao respecto, especialmente problemático á porta do Xacobeo 2010, segundo denunciou a pasada semana o alcalde compostelán Sánchez Bugallo. Desde a Xunta insisten en que se deseña un "cambio cualitativo" e xustifican que a administración "ten que asegurarse de que a súa aposta económica, que é o diñeiro dos galegos, chega directamente a onde está previsto que chegue". Ao fío, argumentan tamén desde o Goberno que "o 70% dos turistas chegan a Galiza en coche".


3/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: