Segundo o presidente do gremio, a Garda Civil dilles que "non poden iniciar viaxe, con clientes, en España, mesmo que os clientes sexan portugueses".
O presidente da Associação Nacional dos Transportadores Rodoviários em Automóveis Ligeiros (Antral), Florêncio de Almeida, ameazou este martes cun "bloqueo" nas fronteiras de non tomaren as autoridades portuguesas antes desta cuarta feira unha posición sobre a detención de taxis portugueses no noso país, informa a axencia Lusa.
A razón que se lles dá por parte da Garda Civil, segundo explicou Florêncio de Almeida, é "non poderen iniciar viaxe, con clientes, en España, mesmo que os clientes sexan portugueses". O presidente de Antral asegurou que nos últimos dous meses foron varios os vehículos interceptados.
"Só na última fin de semana dous carros portugueses foron multados e retidos por este motivo, un dos cales trasladouse a España a petición dunha compañía de seguros, no ámbito da asistencia en viaxe", afirmou Florêncio de Almeida.