Denuncian que a policía portuguesa os trata peor a eles e piden a modificación da norma portuguesa, para seren considerados traballadores transfronteirizos.
A Asociación de Profesionais da Saúde Españois en Portugal (APSEP), composta, sobre todo, por traballadores galegos, volveulles pedir aos xefes dos gobernos de España e Portugal, Xosé Luís Rodríguez Zapatero e José Sócrates, unha solución para aquelas persoas que, traballando en Portugal, seguen a vivir en Galiza e que non queren mudar, tal e como lles esixe a policía portuguesa, as súas matrículas.
Xa lles enviaran cadansúa carta, mais sen obter aínda resposta dun o do outro lado da fronteira.
O presidente da asociación, Xoán Gómez, que vive en Tui e que traballa nun hospital portugués, denunciou en conferencia de prensa, a situación na que se atopan, posto que, segundo dixo, se mudan para a matrícula portuguesa, ademais de lles custar uns cartos, cando volven ao Estado Español están "circulando ilegalmente".
Os "traballadores transfronteizos" e as matrículas
Até o ano pasado, a lei portuguesa só recoñecía como traballadores transfronteirizos a aqueles que, residindo no Estado Español, traballaban en territorios portugueses pegados á fronteira. Mais o pasado 31 de decembro, e tras a contestación social contra esta lexislación, a norma modificouse e ampliou este recoñecemento aos residentes no Estado Español que traballen en vilas e cidades portuguesas que non estean a máis de 60 quilómetros da fronteira.
Mais á APSEP non lle chega con este cambio. Segundo o avogado da asociación, Antonio Viñal, a lexislación comunitaria actual non ten en conta o número de quilómetros entre a localidade de traballo e a de residencia para considerar a un traballador transfronteirizo ou non. A lei europea considera transfronteirizo "a aquel profesional que volve a diario ao seu país de orixe ou, polo menos, unha vez á semana".
Ademais, dende a asociación lembran que, aínda que os recoñezan como traballadores transfronteirizos, as autoridades portuguesas tamén lles esixen un par de requisitos para poder circular libremente: non ter ningunhas propiedade en Portugal e comprometerse a non mercar nada no futuro.
Demanda no Tribunal Administrativo de Lisboa
A finais de ano, e ante a falta de resposta das autoridades españolas e portuguesas, a APSEP puxo unha demanda no Tribunal Administrativo de Lisboa. Nesta demanda tamén destacaban que a policía portuguesa tiña intensificado "as detencións, multas, incautación de documentación e inmobilización de vehículos". Segundo datos da propia asociación, agora mesmo hai 60 automóbiles do Estado Español inmobilizados en Portugal.