Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA

Desestimado o recurso da familia Franco para evitar abrir ao público o Pazo de Meirás

A Xunta defende a súa vontade de outorgarlle a máxima protección posíbel como BIC, mais alerta de que a familia do ditador pode seguir dilatando o proceso.

Redacción - 17:00 18/09/2009
Carmen Franco, filla do ditador español Francisco Franco

Carmen Franco, filla do ditador español Francisco Franco

O proceso que permitirá abrir ás visitas do público o Pazo de Meirás acaba de superar un escollo máis. A Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) desestimou o recurso de súplica presentado por Carmen Franco Polo contra o auto que previamente rexeitara estabelecer medidas cautelares e suspender a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo de Meirás.

Confírmase así, en todos os seus puntos, o auto previo no que se desestimara a petición da familia Franco de estabelecer medidas cautelares para que o pazo non tivese que abrirse ao público mentres non se resolva por sentencia firme a súa demanda de anular o decreto que declarou como BIC este monumento.

Prexuízos económicos non valorados
A herdeira do pazo alegara os gastos de vixilancia e seguro por accidentes que ocasionaría abrir o inmóbel ao público, así como a posibilidade de que se producisen problemas de orde pública, ben por manifestacións políticas, ben pola posibilidade de que se cometese calquera "acto vandálico ou atentado". O auto do alto tribunal asegura que este tipo de custes "non foron en ningún momento cuantificados", polo que desestima a petición.

En calquera caso, a familia Franco poderá agora alegar ante o Tribunal Supremo, extremo aínda non confirmado mais moi probábel. Neste sentido, a Consellaría de Cultura subliñou que, malia que a súa intención é a de outorgarlle a máxima protección posíbel ao Pazo de Meirás e abrilo ao público catro días ao mes, non hai unha data predeterminada. Entende que a familia do ditador pode esgotar todas as vías legais posíbeis e continuar así dilatando todo o proceso.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Xunta asume a súa intención de que o Pazo de Meirás reciba a máxima protección, como BIC, e poida recibir visitas
A Xunta asume a súa intención de que o Pazo de Meirás reciba a máxima protección, como BIC, e poida recibir visitas