O Boletín Oficial do Estado recolle á fin o decreto. Agora a familia Franco deberá remitir proposta de itinerario e calendario de visitas.
O decreto da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura, recollido no Boletín Oficial do Estado (BOE) o sábado, chega despois do pulo da Consellaría de Cultura, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela, para a declaración como ben de interese cultural do Pazo.
O inmóbel é así finalmente catalogado como "sitio histórico", considerado oficialmente como " "lugar de memoria" e "reflexo" dun pasado "burgués", "cosmopolita", "nobiliario" e "político" vinculado á escritora galega Emilia Pardo Bazán e o ditador Francisco Franco. Sobre o Pazo de Meirás, os respectivos organismos culturais consideran que o seu conxunto de elementos "conteñen en si mesmos a memoria de momentos importantísimos da historia de Galiza e do Estado Español", máis alá dos seus valores arquitectónicos ou artísticos.
Segundo destacan, este espazo é "unha fantasía persoal de Emilia Pardo Bazán", un "soño ou recreación arquitectónica" moi unida á figura e personalidade da escritora galega e "soporte das súas ficcións literarias", resultado do "seu desexo de recrear un mundo de arquitecturas que estaba a cabalo entre un pazo e un castelo galegos, onde configurou ámbitos e espazos de forte sabor literario".
Neste sentido incidiron en que son a súa "novela ou narración pétrea feita arquitectura" e "escenario creativo de moitos dos seus escritos". Así mesmo, sinalan que este espazo está moi vinculado a Francisco Franco, que estabeleceu a súa residencia estival en Meirás durante catro décadas e celebrou nela "numerosos" consellos de ministros, visitas de Estado e recepcións oficiais. Por iso afirmaron que conta cunha "vida histórica que superou sobradamente o marco xeográfico da Galiza de Emilia Pardo Bazán".
Pendente a resposta dos Franco
Desde a Consellaría de Cultura indican que a declaración do Pazo de Meirás como ben de interese cultural estabelece o nivel máximo de protección para o conxunto deste espazo e a obriga legal de abrir catro días co fin de que o público poida coñecelo. A familia Franco, propietaria do Pazo, deberá remitirlle á Xunta a súa proposta de itinerario ou as zonas susceptíbeis de ser abertas ao público, así como do calendario de visitas.