Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

A devolución do Pazo de Meirás, tamén pola vía xudicial

A CRMH estuda reclamar nos xulgados, en base a unha sentenza de 2007 do Tribunal Supremo. Ademais, convocan un acto reivindicativo para o 8 de agosto, coincidindo coa voda da bisneta de Franco.

Redacción - 17:51 17/04/2008

O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, Manuel Monge, fixo unha valoración "positiva" da entrada dos técnicos da Xunta no Pazo de Meirás, esta quinta feira.

Ademais, sinalou que agardaban que se fixese "un inventario dos obxectos que foron sacados pola familia Franco do inmóbel", e que se investigue "onde están na actualidade para exixirlles a súa incorporación ao patrimonio público".

Segundo anunciaron, a CRMH está a estudar a presentación dun escrito nos xulgados para reclamar a devolución do pazo ao pobo, baseándose nunha sentenza do Tribunal Supremo de xullo de 2007.

A Xustiza fallou a favor dos familiares dun veciño de Tenerife (Illas Canarias) que donou en 1937 unhas terras a Franco para salvar a vida dun parente en perigo de ser fusilado; o tribunal obrigoulle ao ministerio de Defensa a devolver esas propiedades aos seu primitivos donos.

Voda de Leticia Giménez-Arnau Martínez-Bordiú

A CRMH entende que se repite a mesma situación co Pazo de Meirás, "adquirido con descontos forzosos das nóminas dos traballadores e coas achegas de moitos concellos do 5% do recadado pola contribución".

Por último, a asociación anunciou que o vindeiro 8 de agosto levarán a cabo un acto pacífico e reivindicativo en Meirás, coincidindo coa voda de Leticia Giménez-Arnau Martínez-Bordiú, bisneta do ditador español Francisco Franco. Ademais, advertiulle á familia que "non son ben recibidos" nin no pazo "nin na Casa de Cornide", na Coruña.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: