Este sábado comezan as oposicións aos corpos xerais da Administración, que ofertan 1.200 prazas. En outubro, máis do dobre de persoas aspiran a entrar no Sergas.
Case 31 mil persoas optan dende esta fin de semana a 1.200 prazas dos corpos xerais de funcionariado da Xunta. Os procesos selectivos convocáranse en 2008 e comezan este sábado. Segundo informou o Goberno, está a cumprir co seu compromiso de manter as datas iniciais, a pesar de modificar a Lei da Función Pública para suprimir o exame obrigatorio en galego.
A medida fora criticada pola CIG, que apostara por un aprazamento das datas e a inquietude que a medida provocou nas persoas que se presentan ás oposicións. Esta fin de semana teñen lugar os exames do grupo A2, os días 19 e 20 será a quenda do C1, a primeira fin de semana de outubro para as persoas que aspiran ao grupo C2 e o 17 e 18 do mes que vén serán as probas para o A1.
Tamén no Sergas
Así mesmo, entre o 16 de outubro e o 15 de novembro desenvolveranse os procesos selectivos das categorías estatutarias da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde. No proceso inscribíronse máis de 72 mil persoas, que aspiran a 2.911 prazas de seis categorías.