Uns 50 delegados da central sindical concentráronse ante a Consellería de Presidencia para reclamar que se convoquen os tribunais previstos antes do 1 de marzo.
Un medio cento de delegados da CIG-Administación Autonómica concentráronse esta quinta feira ante a Consellaría de Presidencia para reclamar que se convoquen os tribunais e se desenvolvan as oposicións previstas con anterioridade ás eleccións do 1 de marzo, xa que afectan a un milleiros prazas e "non marcan, en ningún caso" a política do novo Goberno.
En declaracións aos medios, o secretario nacional de CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot, solicitou á Xunta que "cumpra os compromisos aos que se chegou" coas organizacións sindicais, tales como a publicación dos tribunais dos grupos A1, A2 e C1, a promoción interna e o concurso de traslados.
"Todo está negociado e acordado, só faltan cuestións técnicas", asegurou, acrecentando que "non hai ningún tipo de escusa" para que non se desenvolvan as convocatorias de emprego público. Ao tempo, Gallardo sinalou que non levar a cabo as oposicións crea "inseguridade e inquietude" nos opositores. "Tiñan formulados os seus estudos en función dunhas datas oficiosas, entre finais de abril e maio, e agora, no mellor dos casos, serán despois do verán", laiouse. Aínda que Gallardo entendeu que "o motivo" da anulación parte da "polémica" suscitada en torno ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, incidiu en que este ente é "diferente á Administración" e que esta "debe continuar", a pesar do cambio de Goberno. "É incomprensíbel que as oposicións non continúen coa normalidade institucional que ten que existir en cada cambio de goberno", recalcou este sindicalista.