Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A RESPONSABILIDADE COMPARTIDA

Violencia machista: fronte ao horror, máis conciencia social

As cinco mulleres asasinadas no que vai de ano evidencian, da maneira máis dramática, a necesidade de multiplicar as políticas de igualdade.

Redacción - 18:00 01/09/2009

A morte da moza Laura Alonso volve poñer enriba da mesa a necesidade das políticas de igualdade. Logo da vaga mediática, cunha prensa afeita a trasladar os detalles dos sucesos pero non tanto a analizar as causas últimas dos mesmos, os posicionamentos políticos de partidos e colectivos sucédense. O asasinato de Toén ten un precedente demasiado habitual. A vítima tiña denunciado ao seu ex mozo por malos tratos. A denuncia nunca seguiu adiante porque os achegados da rapaza convencérona para que a retirase.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, condenou os feitos e dixo confiar en que se fixese xustiza. O máximo dirixente do país comprometeuse a “seguir implementando políticas de igualdade e facer todos os esforzos para que este tipo de cuestións non se produza”.

Pero, máis aló do castigo que leva implícito o delicto, son moitas as voces que sinalan que o prioritario para loitar contra a violencia machista é a concienciación social, xa que na desigualdade aceptada por boa parte da cidadanía radica o cerne do problema. A aposta é a coordinación entre as diferentes administracións para que as políticas de igualdade cheguen con máis forza a todas as comarcas do país.

O Movemento polos Dereitos Civís, un dos últimos colectivo en facer público un comunicado, pide, ademais de máis protección asistencial, un esfozo no eido da educación e concienciación cidadá que “serán as claves para acadar unha erradicación real da violencia de xénero”.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: