Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

A inserción laboral é clave na atención ás vítimas da violencia machista

Entre 2005 e 2009, arredor de 370 mulleres obtiveron axudas dun fondo de 6 millóns de euros estabelecido pola Consellaría de Traballo para as vítimas de violencia.

Redacción - 14:00 25/11/2008
Traballando no campo / Flickr: un_barcelones

Traballando no campo / Flickr: un_barcelones

A Consellaría de Traballo terá destinado, cando termine este ano, máis de 6 millóns de euros aos programas de inserción laboral dirixidos a vítimas de violencia machista, en partidas que foron medrando conforme avanzaba a lexislatura.

Segundo contan dende esta consellaría, en 2005 houbo 45 beneficiarias, cun investimento de 690 mil euros; o ano a seguir o importe ascendeu a 790 mil euros, para 48 beneficiarias. O ano pasado houbo un total de 105 beneficiarias, grazas a programas por valor de 1,8 millóns de euros, e no presente ano, coas axudas aínda en vigor -datos non definitivos-, houbo 173 beneficiarias, chegando aos 3 millóns de euros.

Medidas laborais de axuda
A violencia de xénero engadida ao desemprego ten efectos catastróficos sobre a vida das mulleres. As consecuencias son significativas e indiscutibles: incremento de participación laboral en traballos mal pagados, da segregación, do traballo gratuíto, da pobreza e das posibilidades de exclusión social. En definitiva, supón un incremento das dificultades para o propio desenvolvemento. O resumo é breve: a violencia xera que as mulleres traballen en peores condicións. Polo tanto, a implicación directa das institucións na apertura de oportunidades concretas de inserción laboral, percíbese como unha das medidas máis eficaces para dotar as mulleres vítimas de violencia da capacidade de decisión sobre o seu presente e o seu futuro.

Nos últimos anos tense demostrado que a aplicación de medidas específicas, de discriminación positiva, xeran un avance satisfactorio en dereitos e posibilidades de desenvolvemento para as mulleres traballadoras. Estas medidas, resultantes da mobilización política das mulleres, encamíñanse a fomentar a súa inserción laboral, mediante programas de mellora da empregabilidade, programas mixtos de formación-emprego, programas de cooperación ou experienciais e accións de promoción do autoemprego.

Situación laboral da muller en Galiza
Nos últimos tres anos o 60% das persoas que se incorporaron ao mercado de traballo no noso país foron mulleres; a taxa de paro feminino reduciuse nun 30% (4,6 puntos, ao pasaren do 15,35% até o 10,78%), o que supón 2,5 puntos menos que no conxunto do Estado Español.

Ao comezo da lexislatura as mulleres galegas representaban o 8,4% de todas as paradas rexistradas no Estado. En comparación co pasado mes de setembro, reduciuse a súa participación nun 20%, polo que actualmente representan o 6,8%.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: