Xa se poden presentar candidaturas aos premios Johán Carballeira, na súa 13 edición de poesía e sétima de xornalismo.
O Concello de Bueu abriu o prazo de presentación de candidaturas para os premios Johán Carballeira. A modalidade de poesía acada a 13 edición, mentres que o galardón de xornalismo entregará este ano o seu sétimo recoñecemento.
Ao premio de poesía poden concorrer autoras e autores con orixinais de non máis de 400 versos, inéditos e escritos en galego. O prazo de presentación remata o 16 de novembro. Por outra banda, ao Johán Carballeira de xornalismo poderán aspirar textos de calquera xénero xornalístico e temática libre publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2009 en medios escritos e dixitais do país e en lingua galega. Neste caso, o prazo remata o 7 de novembro. Nos dous casos, o galardón está dotado con 1.500 euros.
Na pasada edición, o premio Johán Carballeira de poesía gañárao Mario Regueira, coa súa obra Blues da Crecente, mentres que o de xornalismo recaera en Réquiem polo Foucellas, reportaxe publicada en Vieiros e asinada por Fernando Arrizado Abuín e Isabel García Couso.