Cunha dotación de 1.500 euros en cada categoría, o prazo de recepción de traballos está aberto até o 7 de novembro.
Xa están ao dispor dos interesados as bases do XII Premio de Poesía Johan Carballeira, que un ano máis convoca o concello de Bueu. Os textos deberán ter unha extensión superior aos 400 versos e ser inéditos. O prazo de presentación rematará o vindeiro 15 de novembro de 2008. O premio está dotado de 1.500 euros e inclúe tamén a publicación da obra. Na última edición este galardón recaeu en Carlos Lema pola súa obra "O xeito de Freud. Transferencias da realidade". Valorouse entón a solidez da construción literaria e a riqueza do diálogo intercultural e intertexual co discurso contemporáneo.
A outra categoría do Johan Carballeira é o VI Premio Xornalístico. Neste eido, a reportaxe terá que ser publicada entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano en medios impresos ou dixitais e o prazo para a súa presentación a concurso remata o 7 de novembro. Do mesmo xeito, o premio ascende a 1.500 euros e valorará os traballos enmarcados nos xéneros da reportaxe e a entrevista. Na súa última edición, o galardón recaeu en Lois Pérez Leira e Mónica Lázaro, pola publicación dun artigo publicado en Galiciacig.com baixo o título de "A miña nai era a aia do Che Guevara". Valorouse neste caso o traballo de investigación e a mestura dos xéneros da reportaxe e da entrevista xornalística.
As obras deberán presentarse en sobre pechado no concello de Bueu, a onde se poden enviar os traballos sen remite, e cunha folla no interior que identifique ao participante.