O conselleiro fala de "esforzo orzamentario" ao outorgar un céntimo por quilo de cota asignado. Os sindicatos recordan que outras comunidades dan tres.
Samuel Juárez adiantou que os gandeiros poderán comezar a cobrar as axudas nas vindeiras semanas
As axudas directas dun máximo de 7.500 euros que anunciara o conselleiro de Medio Rural no marco do Plan Estratéxico do Sector Lácteo xa teñen data de cobro. Segundo Samuel Juárez, os gandeiros poderán ingresar "nas vindeiras semanas" o 60% da subvención e o 40% restante abonarase antes de que remate o ano. Esta axuda, que supón un céntimo por quilo de cota asignada, enténdese como unha compensación ante os baixos prezos que veñen percibindo os gandeiros polo leite dende comezos de 2008.
Solicitudes xa cumprimentadas
O conselleiro de Medio Rural adiantou que "esta mesma semana" os produtores recibirán nos seus domicilios as presolicitudes "xa cumprimentadas" para recibir a axuda, de xeito que os gandeiros só terán que "ratificar e asinar" o devandito documento. Xustificou este modus operandi na necesidade evitar trámites burocráticos que atrasen todo o proceso, xa que a única exixencia é que o solicitante estea ao corrente de pagos coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria.
As axudas "non son a clave"
Juárez asegurou que esta medida supón un "importante esforzo orzamentario" para a Xunta, que suporá un desembolso de 20 millóns de euros e considerou que esta asignación é "superior á estabelecida por Castela e León ou Asturias. Se ben naquelas comunidades as subvencións son de tres céntimos por quilo de cota, Juárez reiterou que o desembolso é maior para Galiza "porque o tamaño do sector é superior ao doutras comunidades".
Con todo, adiantou que este tipo de axudas "non poden ser a clave para o sector", xa que sempre serán limitadas. Así, adiantou que "insistirá na busca de solucións" aos problemas do sector lácteo galego, potenciando a organización dos axentes do sector e traballando para que se cumpra o acordo de prezos ratificado o pasado xullo entre produtores, industrias, distribución e Administración.
Insuficientes para os sindicatos
Xa nos pasados días, logo da xuntanza mantida co conselleiro, as tres centrais con representación entre os gandeiros, Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e o Sindicato Labrego Galego, coincidiron en definir como "insuficientes" estes 20 millóns de euros. Os produtores lácteos recordan que o sector xera no país 100 mil postos de traballo que hoxe están en perigo e que esta medida non achega unha solución definitiva ao problema das explotacións. Ademais, consideran escaso o céntimo por quilo de cota asignada, cando noutros territorios do estado esta cantidade se eleva a tres, o que deixa ás granxas galegas en inferioridade de condicións para competir.