A Consellaría de Medio Ambiente limítase a asegurar que "vixiará" as obras que realiza a empresa eléctrica.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou este sábado estar convencido de que cando rematen os traballos que leva adiante en Nogueira de Ramuín o xigante do sector enerxético Iberdrola "non haberá ningún tipo de afección". En xogo está a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
Asegura Hernández, e malia as advertencias de diversos colectivos e da propia Unesco, que este furado nos canóns do Sil non impedirá o recoñecemento por parte do organismo internacional. Así e todo, admitiu o conselleiro que neste momento a obra "si que está provocando efectos", mais quitoulle importancia, cualificando a situación de "transitoria".
O conselleiro insistiu en que a Xunta permanecerá "expectante" e realizará unha "vixilancia exhaustiva" das obras que Iberdrola fai no chamado no encoro de Santo Estevo II, en Nogueira de Raumín.