A base de datos, accesíbel desde agora na rede, ofrece información de 14 mil vítimas da represión franquista, froito dunha das iniciativas de recuperación da memoria máis completas do Estado.
A base de datos recolle información de 14 mil vítimas do Franquismo en Galiza
Logo de tres anos de intenso e coordinado traballo, o Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e voces", desenvolvido polas tres universidades galegas e liderado por Lourenzo Fernández Prieto, presentou publicamente a Base de Datos das vítimas da Guerra Civil e a represión franquista en Galiza. Esta información xa se pode consultar en rede, a través da súa web, e ofrece referencias de 14 mil persoas que foron detidas, paseadas, procesadas ou executadas, ademais doutros prexuízos sobre a súa integridade física económica ou administrativa a resultas da represión causada co golpe de estado.
Voces e fontes documentais
Figuras como a de Manuel Barros de Redondela, preso na Illa de San Simón; Dolores Rodal de Cangas, irmá dun paseado; Telmo Comesaña, familiar de moitos represaliados; Mari Luz e María Xosé Villaverde, filla e neta dunha das figuras anarquistas libertarias máis destacada... Un tras doutro, estas persoas foron entrevistadas polo amplo equipo de investigación que dende o ano 2006 levan traballando no proxecto. Así, até sumar máis de 450 entrevistas, das que 100 xa aparecen no proceso e o resto continuarán a incorporarse.
A estas voces, que foron escolmadas e contrastadas, sumáronselle fontes documentais, bibliográficas ou fotográficas. Expedientes dos procesos xudiciais (2.608, máis de 400 mil páxinas), rexistros civís dos concellos (310) e traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52). En suma, o resultado é "unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo máis completas no conxunto do Estado", segundo subliñou na presentación o coordinador do proxecto, Lourenzo Fernández Prieto.
Traballo inacabado
Con todo, os investigadores insisten en que "esta base de datos non é definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu". O obxectivo é que, a xeito de proxecto aberto, "a propia consulta poida contribuír á mellora dos contidos". É dicir, unha vez depositados todos estes datos en rede e dado a coñecer o resultado da investigación, o obxectivo é que se poida coñecer agora máis información grazas ás achegas particulares de cidadáns ou colectivos interesados.
Así, esta gran base de datos, que se elaborou atendendo a experiencias anteriores de diferentes partes do Estado e que naceu ao abeiro dos traballos que desde a Consellaría de Cultura se realizaron ao redor do Ano da Memoria, está pensada como unha obra en permanente construción. De aí que Fernández Prieto subliñe que "son todos os que están, pero non están todos os que son".
Agora, o réxime franquista
Nos próximos anos, a equipa do proxecto, coordinado por Emilio Grandío (A Coruña), Mª Xesús Souto (Lugo), Xulio Prada (Ourense), Dionisio Pereira (Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez (Galiza Exterior) ampliará, nunha segunda fase de desenvolvemento da investigación a cronoloxía das súas pescudas abordando os primeiros anos da instauración do réxime franquista.
Logo de asinar coa Consellaría de Cultura un novo convenio para prolongar este traballo tres anos máis, os investigadores poñen agora a súa vista no período abranguido entre 1939 e 1943. Segundo explica Fernández Prieto, esta etapa tería particularidades de seu, en tanto que foi a época da aplicación das políticas inmediatas logo da vitoria do franquismo e antes do xiro que deu a Segunda Guerra Mundial logo da batalla de Stalingrado. Con todo, este novo proxecto será acometido cunha perspectiva diferente que aínda está por decidir, se ben o director apuntou á posibilidade de que obedeza a uns criterios máis indiciarios e menos exhaustivos que o agora presentado.
No acto de presentación, Fernández Prieto tamén agradeceu o apoio económico e loxístico ofrecido pola equipa da anterior Consellaría de Cultura que permitiron que este fose "un proxecto ben dotado" e que se puidese facer un exhaustivo traballo que podería ter levado un tempo non inferior aos 10 anos e que, pola contra, foi posíbel concluír en tres. Polo demais, os investigadores amosaron a súa disposición a colaborar con calquera iniciativa semellante de ámbito estatal, se ben entenden que será difícil elaborar unha macro-base de datos, dunha banda pola disparidade de criterios empregada en proxectos similares e da outra pola necesaria disposición dunha importante cantidade de recursos económicos.