O delegado do goberno español en Galiza defende a actuación da Garda Civil. O Foro Social mantén as mobilizacións e anuncia unha manifestación.
Antón Louro
O delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro, defendeu este venres a actuación da Garda Civil nas obras do porto deportivo de Massó, en Cangas, onde nos últimos días axentes realizaron cargas e levaron a cabo detencións de manifestantes contrarios a esa instalación.
En declaracións aos medios, Louro insistiu en que a Garda Civil "non fai outra cousa que atender a demanda dunha resolución xudicial", e recordou que a actuación "está dentro do ordenamento xurídico vixente". Así mesmo, apuntou que, neste conflito, "hai entidades privadas que teñen os seus dereitos e os xuíces danlles a razón".
"Minoría que non se presentan ás eleccións"
Con respecto aos opositores á obra, a maioría integrados na plataforma Foro Social de Cangas mais que contan co apoio de numerosas organizacións de todo o país, o delegado referiuse a eles como "unha minoría moi minoría, que non se presentan ás eleccións". "Non pode ser que esa minoría poida truncar a vontade maioritaria dos cangueses", engadiu.
Pola súa banda, o portavoz do Foro Social, Tiago Pérez, negou que houbese unha resolución xudicial que autorizase á Garda Civil a custodiar as obras. Recordou, tamén, que continuarán as mobilizacións, e anunciou unha manifestación para o 1 de agosto, que sairá ás 20.00 horas da Alameda vella en dirección ao Salgueirón.