Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Visita a Cangas

Pérez Esquivel fala contra o esbandalle no Salgueirón

O activista e Nobel da Paz prestoulle apoio esta semana aos veciños que protestan contra os "especuladores de manual".

Redacción - 13:35 15/07/2009

O Nobel de Combarro, terra onde naceu seu pai e que hai dez anos o fillo Adolfo Pérez Esquivel veu visitar por vez primeira, achegouse este martes até o Morrazo para unirse á voz do Foro Social de Cangas. Desde Vieiros fixémonos eco en ocasións anteriores das chamadas de Pérez Esquivel a refugar do "conformismo e falta de resistencia". "Rebeldía cidadá" é unha demanda que o arxentino ten subliñado da sociedade en máis dunha ocasión e tamén nas súas visitas e conferencias en Galiza. E de rebelárense fronte a ilegalidade saben ben os veciños organizados na plataforma Cangas non se Vende.

Acompañado de membros do colectivo, Adolfo Pérez Esquivel percorreu a zona do Salgueirón coa fin de expresarlle o seu apoio aos veciños mobilizados desde hai anos contra o despregue dun proxecto urbanístico que, aproveitan para lembrar, é "especulativo e completamente ilegal e destrutivo para os intereses sociais, ecolóxicos, económicos e culturais do Pobo de Cangas". Esquivel falou na súa visita a prol da preservación ambiental e o respecto ao medio e pediu que o desenvolvemento estea a favor "da vida" e as persoas.

A visita de Esquivel chegaba ademais un día despois de que a loita veciñal fose noticia unha vez máis pola detención dun dos voceiros do colectivo, Tiago Pérez, acusado dun delito de faltas cando protestaba polo mantemento "ilegal" dos traballos á beira do mar. Ao fío, este mesmo martes, o concelleiro de Urbanismo cangués, Mariano Abalo, entregaba novamente a pé de obra aos técnicos da construtora unha orde de paralización, incumprida xa anteriormente. O Foro Social critica ademais a convocatoria de prensa realizada na mesma xornada do martes polos promotores do proxecto que insistiron en que a maior parte das obras en curso acadarán a recuperación da costa e poñerán en valor a zona con áreas verdes e instalacións náuticas.


5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: