Unha de cada oito persoas responde o "spam" por interese nos produtos que se lles ofrecen, segundo un estudo.
Métodos para alongar o pene, medicamentos contra a impotencia ou ofertas de atractivas mozas rusas buscando parella invaden cada día millóns de caixas de correo electrónico. Pero, se o seguen a facer é porque lles resulta rendíbel. Segundo un estudo do Grupo de Traballo contra o Abuso na Mensaxaría (MAAWG), un 12 por cento das persoas tentaron mercar os produtos ofrecidos no spam. Estas mensaxes, segundo advirten desde a Asociación de Internautas, agochan en moitas ocasións diversos tipos de fraudes e estafas.
Os datos non poderían ser totalmente exportábeis ao noso país, pois a meirande parte do spam está e en inglés e o estudo é anglosaxón. Aínda así, resulta sintomático que só o 48% asegurara non ter nunca picado nun correo lixo. Das 800 entrevistas efectuadas nos EUA, dous terzos afirmaron ter experiencia na seguridade informática, e a maioría conta con filtros antispam. Ademais, o 82% dixo coñecer o que son as redes de bots, aínda que pouca xente se creu en risco de ser vítima dunha delas.
Das persoas que si fixeron caso do spam, o 12 por cento aseguraron estar interesadas no produto ou servizo ofrecido (fortunas nixerianas, drogas para a erección, fabulosos empregos dende a casa ou vídeos privados de famosas). Outro 17 por cento asegurou ter clicado por erro, mentres que outro 13 por cento dixo non saber por que o fixera. O outro seis por cento quixo "probar a ver o que pasaba".
Outro dos resultados da enquisa foi que as persoas entrevistadas por teléfono responderon en moita menor proporción teren contestado o spam ca as inquiridas a través da web, quizais pola vergoña a recoñecelo diante dunha persoa real.
Segundo informa Arstechnica, Symantec determinou que catro de cada cinco correos lixo son enviados por redes de computadores infectados, mentres que Microsoft dixo que o 97% do tráfico de correo electrónico está causado polo spam.