De "infracción grave" cualificou a Axencia de Protección de Datos a práctica que realizaba o madrileño que vén de ser obxecto do primeiro castigo por envío masivo e de forma non selectiva, de mensaxes de correo electrónico a enderezos internáuticos. Trátase da primeira persoa á que se lle aplican os procedementos establecidos na Lei de Servizos da Sociedade da Información. A Axencia avanzou que traballa nun cento de casos similares, e que en máis dunha ducia de ocasións xa se abriu o proceso de sanción, que se resolverá nun prazo de seis meses. O anuncio chega poucos días despois de que nos EEUU un tribunal dictase sentenza de nove anos de cárcere, a primeira pena de prisión nun xuízo por spam para Jeremy Jaynes, acusado do envío dunha media de dez millóns de correos lixo ao día a unha base de datos de preto de noventa millóns de persoas.