Cando as cifras de negocio seguen a baixar en Galiza, o presidente dos empresarios estima que quedan aínda catro ou cinco anos de crise.
Seijas apela á reactivación do consumo e á confianza dos clientes como solucións á crise do comercio
Por repetidas e comúns, as análises económicas non calman as malas expectativas para os empresarios do país. Un tras outro, os vaticinios auguran un remate da crise que se adiará dous, tres, catro ou cinco anos, segundo as fontes. E, no medio, as estatísticas seguen a amosar unha caída constante de vendas, de emprego e, á súa vez, das propias expectativas futuras. Para o presidente da Federación Galega de Comercio, a clave está na confianza do consumidor, un optimismo que non chega entre os que teñen que mercar, entre outras cousas, polas informacións encontradas que ofrecen diferentes organismos e que reproducen os medios de comunicación.
No día en que coñecemos a caída das vendas e do emprego no sector do comercio, Xosé María Seijas, lamenta este vaivén de estatísticas: "hoxe os medios din unha cousa e mañá din outra, é comprensíbel que o consumidor non teña o atrevemento de asumir máis gastos", explica. Non en van, as previsións varían día a día pasando do agoiro do goberno español dunha caída do PIB do 3,6% ao da Comisión Europea ou o Banco de España, que o elevan unha décima máis.
A outra clave, na súa opinión, é a de reactivar o consumo. Outra cousa son os métodos, diso non quere falar o presidente dos comerciantes galegos: "non é a nós a quen nos corresponde buscar as fórmulas, senón as institucións que teñen o poder para facelo", explica. Con todo, entende que unha parte dese traballo si corresponde aos propios empresarios: "temos que espreguizarnos para buscar novas fórmulas de negocio", asegura, asumindo que unha boa parte da iniciativa debe corresponder ao propio empresariado.
Caída máis lenta, recuperación tamén calmosa
Sobre as diferenzas que amosa o mercado minorista entre Galiza e o conxunto do Estado, Seijas adhírese á teoría de que aquí percibimos con atraso as consecuencias dos avatares económicos. "Aquí tardan máis en notarse tanto os picos altos como os baixos, o que nos fai pensar que a recuperación tamén será moito máis lenta", asegura.
Outra cuestión que explica que a caída de negocio e emprego sexa menor en Galiza é, para Seijas, a escasa dependencia do sector inmobiliario: "se observamos onde hai máis descenso de vendas vemos que se produce en zonas onde se dependía moito da construción. Iso a nós non nos afecta tanto, porque cidades como Lugo ou Ourense, por exemplo, dependen moito máis dos servizos".
E nas rebaixas?
A afección que a crise está a ter nas rebaixas, segundo explica o presidente dos comerciantes galegos, é que moitos estabelecementos xa están a vender a prezo de custe. "O que facemos é mudar os carteis de descontos do 70% a Rebaixas do 70%", di. O certo é que dende outono, o sector encadeou sete meses consecutivos de descontos pala paliar a caída de vendas, un descenso que ameaza con levar por diante a sete mil estabelecementos só en Galiza.
Segundo os últimos cálculos que facía a Federación de Comerciantes, algo máis do 10% semellan estar abocados ao peche. Estas son as expectativas coas que se iniciaron as rebaixas, un período no que se estima que as vendas poidan descender entre un 15 e un 20% respecto ao ano pasado, cunha facturación que non supere os 11,85 millóns de euros.