O ano pasado quedaron 12 mil traballadores sen emprego, a raíz da presentación de expedientes de regulación.
Galiza rexistrou en 2008 un total de 624 Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), case o dobre dos que se autorizaron en anos de bonanza -2004, 2005, 2006 e 2007-, cando o número máximo de regularizacións non superaba as 400 por anualidade.
En resposta a unha pregunta parlamentaria elaborada polo Grupo Popular, os datos do Executivo sinalan que a crise económica está detrás desta subida na tramitación de EREs.
Durante 2004 autorizáronse 336 expedientes, e en 2005 un total de 384, mentres que en 2006 produciuse un leve descenso con 324 tramitacións aceptadas. O maior incremento, con todo, deuse en 2007, cando a Administración asinou 399 EREs. Un 23% máis de regularizacións que xa adiantaban as cifras disparadas de 2008: entre xaneiro e setembro do ano pasado contabilizáronse 152 EREs, e 1.224 traballadores afectados, mentres que os 472 restantes déronse durante o último trimestre do ano.
12 mil galegos e galegas máis no paro
Por outra banda, e en relación ao número de empregados afectados, a situación máis grave entre 2004 e 2007 produciuse durante 2005, cando 4.809 persoas foron despedidas dos seus postos de traballo como consecuencia dos expedientes presentados pola directiva das empresas. Unha cifra que se triplicou en 2008 con 12 mil galegos afectados polos 624 EREs.