Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Declaracións de Fernández Barcia (BNG)

"O dano que se fixo foi horríbel", asegura o alcalde de Mugardos

O rexedor anuncia accións legais contra os políticos da vila polo "escarnio" dunha suposta trama urbanística na que o implicaron.

Redacción - 09:00 25/06/2009
O alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia (BNG)

O alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia (BNG)

O alcalde do BNG de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, estuda o inicio de accións legais contra os políticos municipais que impulsaron as denuncias que deron pé á investigación dunha suposta trama urbanística corrupta, coñecida coma Operación Virgin, cuxas dilixencias foron anuladas polo Xulgado de Instrución 4 de Ferrol.

En conferencia de prensa, Fernández Barcia, asegurou que se demostrou que "o tempo pon a cada un no seu sitio" e que a Xustiza confirmou a súa inocencia, ao anular as dilixencias que iniciaron a investigación, e transcorridos dous anos de "sacrificio" e de "moito escarnio" por parte de cargos públicos de Mugardos.

"Dous anos de calvario"
"O dano que se fixo foi horríbel", e terá que ser "reparado", asegurou Barcia, que responsabilizou de forma directa ao ex alcalde socialista Ramón Toimil, á voceira de Esquerda Unida, Pilar Díaz, e ao ex alcalde e concelleiro Independente, Manuel Fariña.

O rexedor de Mugardos agradeceu a "imparcialidade do xuíz", que deixou "plasmado o esperpento político de Mugardos", e tamén o apoio recibido do seu partido e dos seus veciños, para superar dous anos de "calvario".

A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, asegurou que o auto xudicial que considera nulas as escoitas telefónicas e os rexistros domiciliarios que se practicaron, demostra "a limpeza da actuación do alcalde" e a "actuación irresponsábel da Fiscalía". Prado acusou o Ministerio Fiscal de "seguir criterios políticos" para "deslexitimizar o BNG". A responsábel de Organización da Executiva Nacional do BNG comparou este proceso con toda a "estratexia que tamén fai o PP", "de fume", "sen base real", que "quere trasladar á cidadanía que non hai alternativas e que todos actúan igual", con "estratexias baseadas naquilo de 'difama, que algo queda'".

Recurso da Fiscalía
En todo caso, o auto do Xulgado de Instrución non é firme. O Fiscal Román Ruiz sinalou que se está analizando a posibilidade de presentar un recurso ante a Audiencia. Existe un prazo de cinco días e considerou que existe espazo xurídico suficiente para presentalo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: