Estima que as escoitas telefónicas que levaron ao rexistro de domicilios e á detención de varias persoas non contaban con probas suficientes.
A raíz da 'Operación Virgin', tres persoas foron detidas e outras dúas, entre estas o alcalde, imputadas
O Xulgado de Instrución número 4 de Ferrol considerou nulas as dilixencias instruídas en 2007 sobre a suposta trama urbanística en Mugardos, coñecida como Operación Virgin, que supuxeron a detención dun policía local, un aparellador e unha arquitecta, ademais da imputación do alcalde Xosé Fernández Barcia e da aparelladora municipal.
O xuíz estima que as escoitas telefónicas que se realizaron non contaban con probas suficientes, polo que o Tribunal entende que as intervencións vulneraron o dereito ao secreto das comunicacións, algo xa solicitado pola Defensa en ocasións anteriores.
Os avogados tamén argumentaran que non existían indicios relevantes de delito para o auto e que, se ben se falaba de prevaricación, suborno, e tráfico de influencias, o xuíz xa limitara a imputación a este último delito.
Auto recorríbel
Aínda que a resolución xudicial non é firme e podería ser recorrida polo Ministerio Fiscal na Audiencia Provincial. O fiscal Román Ruiz podería recorrer a decisión xudicial, se entende probado que existiu un trato de favor a empresas privadas dende os servizos de urbanismo municipais.
Porén, o letrado Ricardo Pérez Lama destacou esta cuarta feira en rolda de prensa que o auto é "impecábel en fundamente xurídico", "exhaustivo" e "dificilmente recorríbel". "É o principio da fin dun pesadelo", que fixo correr, segundo dixo, "ríos de tinta" e provocou unha grande "alarma social".