Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O alcalde deberá declarar o día 19 fronte á xuíza

As irregularidades urbanísticas en Mugardos xa foran expostas na comisión de urbanismo

Os grupos da oposición critican a presunta "sorpresa" do alcalde pola acción xudicial. O rexedor deberá agora dar explicacións no xulgado para determinar as posíbeis responsabilidades por acción ou omisión.

Redacción - 12:00 08/12/2007

O rexedor mugardés, Xosé Fernández Barcia, do BNG, era presidente da comisión de Urbanismo ademais de alcalde no tempo en que se produciron os feitos agora investigados e froito disto, a xuíza decidiu chamalo a declarar como imputado na presunta trama urbanística. En declaracións aos medios, Barcia afirmou non ter "nada que ocultar" e dixo estar tranquilo sobre a investigación e seguro de que se poderá "aclarar" o acontecido. O mandatario local subliñou que as licenzas concedidas durante o seu mandato contaron sempre co "aval" favorábel dos técnicos municipais.

Ao respecto, e segundo critican desde Esquerda Unida, o "silencio" foi a resposta habitual cando se requiriron do grupo de goberno explicacións sobre diversas e presuntas irregularidades urbanísticas en Mugardos. "Non parece serio que os responsábeis políticos eludan a súa responsabilidade cun simple non sabía nada", láianse desde o grupo municipal desta formación política.

A voceira de EU-IU no Concello, Pilar Díaz considera que o alcalde debe dimitir e recórdalle que preferiu non dar explicacións cando tivo oportunidade de facelo. Esquerda Unida lembra que as denunciadas realizadas pola formación diante da Fiscalía adquiriron unha dimensión "moito maior" que as expostas no seu momento. O seu grupo acudira á xustiza nunha primeira ocasión ao avaliar que se estaba vulnerando o Plan Xeral de Ordenación Municipal no referido á normativa da zona vella do concello. Posteriormente, presentaran outra denuncia pola legalización dun edificio concreto a través dunha modificación puntual do PXOM. A terceira denuncia tiña que ver coa autorización dunha urbanización en solo rural.


3,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: