Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Real decreto

O goberno español apura a aprobación da TDT de pago

O Ministerio de Industria incluíu a proposta, sen previo aviso, nun paquete de reformas audiovisuais presentadas perante o Consello das Telecomunicacións.

Redacción - 12:15 18/06/2009

O Ministerio de Industria presentou, por sorpresa, un anteproxecto de real decreto que permitirá a televisión de pago a través da TDT. A proposta, que se presentou este mércores no Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, permitiralles ás concesionarias con licenza dixital explotar total ou parcialmente o acceso condicional nunha das súas canles, "sempre que a súa concesión lle permita explotar máis dunha".

A proposta de TDT de pago non ía formar parte, en principio, das 19 medidas lexislativas previstas para reformar o panorama audiovisual no Estado Español, e que inclúen a asignación dos novos múltiplex dixitais a partir do apagón analóxico, a regulación da televisión de alta definición ou a reserva do "dividendo dixital", que reservará frecuencias actualmente destinadas á televisión para outros servizos sen fíos.

Tamén están en proxecto a norma que permite a fusión de televisións privados e a que pretende suprimir a publicidade en RTVE e buscarlle novas vías de financiamento. Ademais, pretende regular a emisión de canles sen ánimo de lucro, modificar as condicións para a emisión de radio dixital e, finalmente, aprobar a nova Lei do Audiovisual, que supón traspoñer unha directiva da UE, para a que hai de prazo até decembro e que fora anunciada para marzo.

O proxecto de TDT de pago non foi ben recibido polas empresas que explotan canles de pago (Sogecable e as empresas de telecomunicacións), que esgrimiron que os concursos públicos de televisión non contemplaban o acceso condicional ou mesmo o prohibían. Si están interesadas en prestar este servizo de valor engadido La Sexta e Antena 3, que xa solicitaron a autorización.

Máis gasto para os espectadores
Pola súa banda, Industria xustificou a medida pola necesidade de "flexibilizar" o modelo de negocio da televisión dixital, que até agora era completamente gratuíta, para contribuír ao "sostemento dunha oferta televisiva máis ampla". A TDT de pago obrigará a adquirir novos descodificadores especiais, pois a meirande parte dos 18 millóns vendidos até o momento non permiten este tipo de acceso. Outro tanto acontece coa TDT de alta definición.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: