Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
APROBACIÓN

Galiza recibe a maior parte do orzamento estatal para a extensión da TDT

Os fondos estatais sufragarán ao 100% o custo da dixitalización das canles privadas en zonas a onde en principio non ían chegar.

Redacción - 18:20 21/10/2008
Áreas técnicas de Santiago e Ourense Leste-Zamora Norte (en vermello)

Áreas técnicas de Santiago e Ourense Leste-Zamora Norte (en vermello)

O goberno español aprobou unha partida de 8,72 millóns de euros para completar a extensión da TDT na súa primeira fase, que rematará en xuño de 2009. Dese orzamento, Galiza recibirá a parte máis substancial, case 1,7 millóns. A actuación prevé que a cobertura dixital iguale a analóxica e cubrirá tamén con fondos públicos a dixitalización dos radiodifusores privados.

O acordo do Consello de Ministros aproba o modelo que se fixara no mes de xullo na Conferencia Sectorial de Telecomunicacións e Sociedade da Información, e que beneficiou a Galiza sobre outras comunidades autónomas polas dificultades que supón levar a TDT á poboación, dispersa e nunha orografía moi accidentada.

Un dos datos máis salientábeis é que o Ministerio de Industria financiará o 100% os gastos da conversión dixital dos centros reemisores das televisións privadas que non estaban en principio previstos para a TDT, cun total de 2,3 millóns de euros.

Outros 1,96 millóns irán para os centros analóxicos, públicos e privados, para os que se asinaron convenios con outras administracións públicas. Nese caso, o Estado Español cubrirá a metade do custo e, o resto, as comunidades autónomas. Finalmente, 4,44 millóns de euros destinaranse a dixitalizar o resto de centros despregados por outras entidades. Tamén será asumido ao 50% polo ministerio e polos gobernos autonómicos.

As cantidades aprobadas polo goberno español van destinadas a 32 proxectos técnicos, dos que dous son galegos: os de Ourense Leste e Santiago de Compostela, que lles afectan a 415 mil habitantes repartidos en 60 concellos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: