Ademais de amosar nun mapa as áreas cubertas pola televisión dixital, pódese consultar individualmente o estado en cada núcleo de poboación.
Mapa interactivo que se pode consultar na web
Meses despois da desactivación da web oficial de información sobre cobertura de TDT do Estado Español, TDT.es, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual puxo en marcha unha específica para Galiza.
A web combina un sistema de información xeográfica (GIS) cun apartado de consulta por provincia, concello, parroquia e núcleo de poboación. O primeiro apartado permite localizar onde se atopan os diferentes emisores, reemisores e encheocos da TDT en todo o país, ademais dos existentes emisores analóxicos.
Por outra banda, pódese consultar se hai cobertura dixital en cada núcleo de poboación e a súa calidade, ou ben a data en que se espera que estea dispoñíbel. Ademais, inclúese unha ligazón que amosa a distancia e a dirección entre a localidade e o reemisor máis próximo con cobertura grazas a unha aplicación de Google Maps.