Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Nova web de Política Lingüística

O morcego Fervello xogará cos cativos en galego

Estrean un portal lúdico-educativo destinado a crianzas de tres a seis anos. Por outra banda, o Instituto Cervantes fai balance de matrículas na nosa lingua.

Redacción - 18:35 16/06/2009
Personaxes de 'Xoga con Fervello'

Personaxes de 'Xoga con Fervello'

Política Lingüística ampliou os servizos que ofrece a través da súa web cunha páxina dedicada aos cativos e cun espazo dedicado aos equipos de normalización e dinamización da lingua dos centros de ensino non universitario. O primeiro deles é o portal Xoga con Fervello, unha iniciativa pensada para a rapazada de entre tres e seis anos de idade.

O Xoga con Fervello pretende que os pequenos se familiaricen coa lingua galega de xeito lúdico, mediante xogos interactivos que tamén os instrúen nas habilidades básicas dos primeiros anos de idade, como a memoria visual, auditiva e numérica, a atención, a coordinación óculo-manual, o razoamento, a imaxinación ou a creatividade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística salienta que o seu obxectivo é dinamizar e promocionar de xeito activo a lingua a través das novas tecnoloxías.

O xogo ten como personaxes Xana e Fuco, dous rapaces, acompañados do can Farragús e do morcego Fervello, que guían os pequenos en cada unidade lúdica: vestir a Xana e a Fuco segundo o tempo que vai, preparar unha merenda, recoller o cuarto ou pintar.

A outra nova web, destinada aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), permítelles a estes profesionais compartir recursos, ferramentas, formación, información e modelos de referencia que se poidan trasladar a outros contextos educativos. A páxina, primeira que se crea para os equipos de normalización coordinados dende Política Lingüística, estrutúrase en catro apartados principais: premios, formación, axudas e bibliografía, ademais de apartados de experiencias de cada centro.

Pouco galego no Cervantes
Por outra banda, o Instituto Cervantes fixo balance das súas actividades no Senado. Nos últimos dous anos, acadou as 900 matrículas, 150 cursos e 800 actividades en lingua catalá nos seus centros de todo o mundo, segundo explicou a súa directora, Carmen Caffarel.

Porén, o éuscaro e o galego quedaron a moita distancia, con arredor dun cento de matrículas e 25 cursos en lingua vasca e só 10 en galego. Os grupos de Entesa Catalana de Progrès, representado por Miquel Bofill, e Senadores Nacionalistas, por Iñaki Anasagasti, criticaron que non exista "vontade de facer pedagoxía" da pluralidade idiomática do Estado Español e que "os irmáns enfermos seguen a ser o éuscaro, o galego e o catalán".

Tamén pediron "campañas e estímulos" e Anasagasti retou a Caffarel a "que diga se o rei ou o príncipe Filipe" explicaron a realidade lingüística do Estado Español. Pola súa banda, a directora do Instituto asegurou que a presenza do galego, do catalán e do éuscaro é "proporcional" ao seu número de falantes.


3,29/5 (14 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: