Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caída de beneficios

Primeiro freo en cinco anos ás contas de Inditex

O xigante do téxtil gañou 184 millóns de euros no primeiro trimestre, un 16% menos que no exercicio anterior.

Redacción / Europa Press - 10:25 10/06/2009
Inditex mantén a previsión de apertura de entre 370 e 450 novas tendas este ano

Inditex mantén a previsión de apertura de entre 370 e 450 novas tendas este ano

Inditex rexistrou un beneficio neto de 184 millóns de euros durante o primeiro trimestre do seu ano fiscal 2009-2010 (dende o 1 de febreiro ao 30 de abril), o que supón un descenso do 16% respecto ao mesmo período do exercicio anterior, informou este mércores a compañía, que destacou o "ámbito macroeconómico complexo".

A cifra de negocio do grupo galego situouse en 2.338 millóns de euros, cun incremento contábel do 5% e do 8% unha vez eliminado o impacto de tipo de cambio do período. A marxe bruta incrementouse un 4%, ata 1.331 millóns, situándose a marxe bruta sobre vendas no 56,9%. O beneficio bruto de explotación (Ebitda) foi de 395 millóns de euros, o que supón unha caída do 7% respecto ao mesmo período do exercicio anterior, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) se situou en 249 millóns, un 15% menos.

"Estrito control" dos gastos

Os gastos operativos mantivéronse baixo "estrito control" durante o trimestre, para finalizar cun incremento do 9%, principalmente como resultado da nova superficie comercial aberta. No primeiro trimestre do exercicio, o grupo abriu 95 novas tendas en 28 países diferentes, o que sitúa a cifra global de estabelecementos do grupo a 30 de abril en 4.359, distribuídos en 73 países.

O grupo galego mantén a súa previsión de aperturas netas para o conxunto do exercicio 2009 entre 370 e 450 novas tendas. Respecto ao segundo trimestre, Inditex destacou que as vendas en tenda a tipos de cambio constantes creceron un 9% no período comprendido entre o 1 de maio e o 7 de xuño. O grupo insistiu en que mantén as estimacións de crecemento de superficie comercial e de investimentos para o exercicio 2009, fundamentalmente no segundo semestre do ano.

Por último, o consello de administración de Inditex propúxolle á xunta xeral de accionistas, que se celebrará o próximo 14 de xullo, o pagamento dun dividendo total correspondente ao exercicio 2008 de 1,05 euros por acción, equivalente a 654 millóns de euros en función do número actual de accións con dereito a percibilo. Desta cantidade, 0,55 euros por acción pagáronse o 4 de maio de 2009 en concepto de dividendo a conta e de 0,50 euros por acción pagaríanse o 2 de novembro de 2009 como dividendo complementario.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: