Cun incremento do 9% no primeiro trimestre, Inditex viu como o seu total de vendas medraba por vez primeira sobre a estadounidense Gap, que mingua no mesmo período un 10%.
Foi un incremento de vendas de até 2.218 millóns de euros no primeiro treito do ano para Inditex. Un treito no que o rival polo liderado téxtil, a estadounidense Gap, perdía un 10% en vendas quedando en 2.169 millóns de euros. A diferenza é lixeira, pero significativa sobre a evolución das dúas empresas, xa que mentres Inditex aparece en plena expansión en todo o mundo, o xigante do outro lado do Atlántico vía especialmente afectadas as súas contas polo contexto económico dos EUA.
A empresa con sede central en Arteixo confirma así o ascenso ao liderado mundial despois de superar non hai moito á sueca H&M en facturación. É ademais a primeira vez que Inditex supera nesa marca a Gap, malia que hai xa un ano que a téxtil galega pasara a Gap en número total de tendas en todo o mundo. As vendas de Inditex xa alcanzaran no primeiro trimestre de 2007 un total de 2.039 millóns de euros. O incremento do 9% experimentado en 2008 coincide co frenético ritmo de apertura de tendas do grupo, 145 novas até o mes de abril, con algunha das cales mete o pé en cobizados mercados como é o caso de Corea do Sur. Así, Inditex completa na actualidade persenza en 70 países.