Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE Á DENUNCIA DOS ECOLOXISTAS

A Fiscalía arquiva a denuncia do recheo da mina d'As Pontes

Tampouco ve delito na contaminación do Río Eume e a consecuente mortaldade de peixes provocada polas obras da autovía Ferrol-Vilalba.

Redacción - 19:00 20/05/2009

Non existe delito ecolóxico. Iso é o que conclúe a Fiscalía de Medio Ambiente, que decidiu arquivar a investigación penal aberta en relación aos recheos do lago artificial da antiga mina de Endesa n'As Pontes e da acidez e mortaldade de peixes provocada nas augas do Eume polas obras da autovía Ferrol-Vilalba.

Con todo, a Fiscalía recoñece nun comunicado que estas dúas situacións (o recheo e maila contaminación derivada das obras) "comportan, sen dúbida, unha intervención que alterará dun xeito significativo o entorno natural (...) de modo consciente e programado", mais especifica que "sempre dentro das marxes da legalidade".

As obras viarias teñen consecuencias
O Ministerio Público especifica que se algún reproche se lle pode facer á Xunta é o de non ter previsto na declaración de impacto ambiental a posibilidade de que isto acontecese, é dicir, non contar co "efecto de acidificación do río a causa das escorrentías puideran producirse". Ademais, adianta que, unha vez feito o dano, agora só queda a posibilidade de aplicar medidas correctoras.

No referente aos recheos do lago artificial de Endesa, o documento da Fiscalía entende que é un panorama "nada alentador", mais tampouco "constitutivo de delito algún". Así, explica que na súa fase de investigación pediu informes á Xunta, ao Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) e mesmo ás Universidades de Santiago e da Coruña, así como solicitou estudos analíticos e edafolóxicos á propia Endesa para "avaliar a magnitude do problema".

Así, por exemplo, un informe do Seprona concluía que no río Eume "pode chegar a darse unha auténtica catástrofe ecolóxica" e alertaba de que o recheo da mina "podería agravar aínda máis os problemas ambientais que trata de resolver", ao crear un lago artificial destas dimensións "con materiais nocivos e non axeitados". Malia todo, a Fiscalía, logo de solicitar os proxectos e plans de vixilancia e seguemento ambiental do proceso de recheo de mina, comprobou que "todos están aprobados por Augas de Galicia", polo que non incumpren ningunha norma legal.

Entende a controversia social
Finalmente, o Ministerio Público subliña que entende o debate xerado sobre este tema e mesmo loa a "actitude vixilante e de denuncia" das asociacións ecoloxistas. Porén, recorda que a Fiscalía debe rexerse polos "parámetros da legalidade e das probas", distanciándose das "valoracións persoais e subxectivas".

Así, aínda que exclúe, sen lugar a dúbidas, o delito ecolóxico e confirma a súa decisión de arquivar as dilixencias da investigación, deixa a porta aberta a unha posíbel reapertura "se se evidenciasen novos datos presuntamente delituosos".


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: