Colectivos ambientais consideran que a Fiscalía debería ordenar a paralización cautelar do enchido da mina d'As Pontes.
Vista do Eume / Imaxe: Galipedia
Hai meses que á Consellaría de Medio Ambiente e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia chegou detalle da preocupación polas implicacións negativas que terá o lago que encherá en pouco tempo o oco da mina de Endesa d'As Pontes. O colectivo ambiental eumés Fusquenlla, xunto con outras asociacións, chegou a ter unha xuntanza co fiscal responsábel dos delitos medioambientais para tratar o asunto. Daquela a Fiscalía non viu motivo abondo na alta acidificación do río para abrir unha investigación ao respecto. Do mesmo xeito, a Consellaría de Medio Ambiente non considerou preocupante a situación.
Desta volta, o recente descubrimento de metais pesados no Eume e afluentes, foi motivo dunha nova denuncia dos colectivos ecoloxistas. As probas que xa foron enviadas ao fiscal dan mostra de concentracións de uranio, aluminio, arsénico, manganeso, chumbo e cromo en cantidades moi por riba das consideradas normais segundo os estándares internacionais. Desde o colectivo Fusquenlla entenden que a gravidade dos resultados destas análises son de por si "razón suficiente" para que a fiscalía non só abra investigación senón que pida a "paralización cautelar" do proceso de enchido da mina xa que, advirten, as augas aló acumuladas "poden multiplicar os efectos actuais no que a contaminación se refire". "Agardemos que nesta ocasión a fiscalía amose unha sensibilidade que a consellaría de medio ambiente parece non ter", apuntan ao respecto da indiferenza desde a Xunta ao problema.