Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Compatíbel co do goberno español

O Goberno deseña un plan para a automoción "adaptado á oferta e á demanda" galegas

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou este sistema de axudas, tamén relacionado coa "condución ecolóxica e segura".

Redacción - 13:40 19/05/2009
O conselleiro de Economía, Javier Guerra

O conselleiro de Economía, Javier Guerra

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou esta terza feira o plan do Goberno para o sector da automoción, que está, segundo dixo, "adaptado á estrutura da oferta e da demanda de Galiza", sendo tamén "compatíbel" co presentado polo goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero.

En conferencia de prensa, Guerra presentou este programa, denominado Plan re-Móvete, do que destacou o "consenso" co que foi redactado, sinalando que tamén inclúe "a concienciación en materia de condución ecolóxica e seguridade vial".

Ademais, esta plan prioriza os sectores "máis afectados" pola crise -o agroindustrial, o téxtil, o naval, o da cantería ornamental, o audiovisual e o turismo- para a compra de vehículos industriais. Os vehículos comerciais de menos de 3,5 toneladas contarán cunha axuda de mil euros, que poderá chegar aos 1.500 se o comprador procede dalgún dos citados sectores prioritarios.

Perto de 100 millóns de euros para reactivar o sector
Guerra tamén sinalou que a Xunta vai investir neste plan uns seis millóns de euros, unha primeira cifra que podería aumentar en función da situación económica e da demanda. Porén, o conselleiro de Economía cifrou en 98 millóns de euros os cartos que esta iniciativa vai inxectar no sector de compravenda de automóbiles.

Segundo os cálculos de Guerra, os seis millóns de euros previstos inicialmente poderán incentivar a compra de sete mil vehículos, tomando como base unha axuda media de mil euros, e que cada automóbil custe de media 14 mil euros. O obxectivo é que as vendas "só sexan un 15% menores" que as do ano pasado. "Seguen a ser cifras malas, pero máis asumíbeis", concluíu Guerra, comparando este descenso co un "do 40 ou do 50%", que sería peor. As axudas aplicaranse dende o momento da compra, mentres que os puntos de venda recibirán as axudas a final de mes.

As subvencións están destinadas á adquisición de vehículos de máis de 10 anos, que conten con máis de 250 mil quilómetros, así como á adquisición de vehículos comerciais e turismos novos, até os 30 mil euros de custe.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: