"Non hai persoal técnico especialista en ningún tipo de emerxencias", queixouse o novo responsábel da Axencia Galega de Emerxencias.
Cando o pasado 23 de xaneiro se recibiu a primeira emerxencia desde a entrada en funcionamento da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), debido ao paso do diclón Klaus, "non se desprazou ningún dos recursos cos que contaba a axencia, malia que teoricamente estaban preparados para afrontar a situación". Asegurábao este xoves o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento. "Non hai persoal técnico especialista en ningún tipo de emerxencias", insistiu.
Segundo os datos achegados á Cámara por Villanueva, no canto de contratar este persoal, o executivo anterior mercou "un montón de material", aínda que, indicou, "as funcións da axencia sexan de coordinación e non conte con persoal para a mobilización deses recursos". Villanueva debullou a lista destas compras, por valor de 2,6 millóns de euros, citando entre outros un simulador de condución de bombeiros, dun custo de case medio millón de euros e dous vehículos de comunicacións por máis de 200 mil euros. De xeito especial, criticou a compra dun conxunto de seis semirremolques carrozados por máis dun millón de euros e pola contra "un só vehículo cabeza tractora". Explicou ademais que a tal cabeza tractora non era do tipo "universal", o que impide que calquera camión poida mover os remolques.