Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTABELECE AS COMPETENCIAS EN MATERIA DE PROTECCIÓN CIVIL

Aprobado o proxecto de Lei de Emerxencias

Esta mañá foron aprobados no Consello da Xunta o proxecto de Lei de Emerxencias de Galicia e máis o decreto de creación da sociedade pública de Servizos Agrarios Galegos. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sostén que a aprobación da Lei de Emerxencias e a creación da Empresa Pública de Servizos Agrarios é a clave para consolidar unha estrutura profesionalizada que dea resposta ás situacións de risco e aos lumes forestais. Este proxecto marca tres ámbitos de actuación do Goberno galego: a competencia da Xunta na coordinación e dirección da protección civil; na xestión dos servizos de forma unitaria en todo o territorio; e nunha xestión de emerxencias que supere o sistema actual, promovido dende os medios locais, "absolutamente heteroxéneo, disperso e asimétrico". A normativa, ademais, estabelece a creación da Axencia Galega de Emerxencias, organismo encargado de executar a política autonómica de protección civil.

- 16:42 28/12/2006
Tags:

Ao dicir do presidente do Goberno, a lei pode asentar "un marco para a coordinación e integración do labor das distintas administracións con competencias na loita contra as situacións de risco en Galicia". Ademais, o proxecto de lei fixa os ámbitos de colaboración da sociedade civil nestas situacións. O proxecto de lei mantén nos concellos a responsabilidade de prestar o servizo primario de protección civil e a acción inicial en situación de emerxencia, e marca que as deputacións provinciais son as responsábeis de que se garanta o cumprimento desa actividade.

Para cumprir con estas obrigas, o presidente anunciou que a lei prevé a creación da Axencia Galega de Emerxencias, un organismo administrativo autónomo ao que se lle encomendará a execución da política autonómica de protección civil, "unha estrutura profesionalizada para responder de maneira coordinada e eficaz nos ámbitos horizontais, profesionalizar ao máximo e ter os instrumentos necesarios para responder en condicións de coordinación nas emerxencias superiores ao ámbito provincial ou municipal". Pérez Touriño tamén fixo fincapé na temporalización do proxecto: aséntanse prazos para a entrada en vigor dos distintos aspectos da lei, como a obriga de formular en seis mes o plan territorial de emerxencias, que a Xunta elabore en nove meses un decreto marco para responder ás emerxencias, que até o de agora non existe, polo que se aproban decretos puntuais en cada emerxencia; ou que en tres anos se estruture o sistema de emerxencias por completo.

O presidente lembrou que as provincias de Lugo ou Ourense teñen "grandes baleiros" nesta materia, mentres que na Coruña é a Deputación a que "coordina e soporta" un sistema provincial integral, algo semellante aínda que "en moita menor escala" ao que existe en Pontevedra. Respecto da creación da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, o máximo mandatario autonómico explicou que terá como obxectivo fundamental a realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais e, en particular, en intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes. A súa xestión será compartida polas Consellerías de Economía (no que atinxe aos aspectos económicos) e de Medio Rural, competente en materia de lumes forestais. Existiría deste xeito "un instrumento propio da administración autonómica galega con forma de empresa pública, para ter un instrumento áxil de resposta no combate contra os lumes e os incendios forestais. Será o medio propio para axilizar contratacións e capacidade de resposta".


0/5 (0 votos)