"Hai que mellorar os sistemas de atención, coordinación, traballo multidisciplinar, estudo, formación e especialización dos traballadores e voluntarios que atenden as emerxencias". Con ese obxectivo nace esta fin de semana a Asociación de Profesionais de Emerxencias de Galiza, coa intención de perfeccionar a atención a crises acontecidas non só en Galiza, senón tamén no exterior, en especial en países en desenvolvemento. Falamos con Idelfonso de la Campa Montenegro, voceiro e promotor do colectivo, e presidente da asociación logo da súa constitución formal este sábado en Santiago.
Vieiros: Coincidides no tempo coa presentación desde a Xunta do Plan de Continxencias, o aniversario do Prestige ou as recentes crises dos lumes e as riadas. Cando decidides crear este proxecto?
Vén de longo, e ten que ver coas inquedanzas dun grupo de profesionais saídos de varios colectivos, desde o 061 a diversos parques de bombeiros, pasando por Protección Civil ou a vella Axencia Humanitaria de Galiza. Coincidiamos na avaliación de que o país tiña unha necesidade real da mellora da coordinación multidisciplinar na atención de emerxencias. E a meta será axudar a isntitucións e organizacións na mellora racional deses sistemas de atención, perfeccionando o traballo de integración dos diferentes equipos que interveñen nunha emerxencia e profundizando no estudo dos mellores protocolos, e os máis axeitados ás características socioculturais e territoriais do país.
Insistides na coordinación como clave
Si, deica agora non existía un foro onde poñer en común inquedanzas e sacar proveito da capacidade de debater e intercambiar ideas entre os colectivos e asociacións implicados, ademais están as necesidades formativas, demanda común na que tamén se coincide. Cara a oportunidade de confluír en todos estes desafíos a mellor maneira era a través dunha asociación que servise para unificar a acción dispersa. Trátase dun organismo que non só servirá para unir esforzos no estudo e análise de todo tipo de crisis que poidan acontecer e que necesiten da intervención dos servizos de emerxencia, senón tamén como propio punto de encontro e asesoría coa administración, na constatación de que veu sendo fundamental o problema da coordinación a nivel da administración e entre os propios colectivos. Hai que camiñar cara a esa suma de forzas e ir facendo prevención dentro dos propios servizos. Queremos cubrir ese espazo e servir de referente.
O documento co que vos presentades fai tamén destaque do afastamento da sociedade destes temas, hai moito potencial por explotar na implicación social?
Claro, por unha parte é necesario propoñerlle á sociedade consellos claros para este tipo de situacións, durante os lumes, riadas... Hai un gran descoñecemento sobre o que facer, a quen dirixirse, como colaborar. Sucesos recentes amosan por exemplo que a inexistencia de plans de emerxencia en zonas de alto risco, como foi o caso das urbanizacións a pé do monte, máis en Galiza, cunha poboación tan dispersa, disparan o problema: é como botarlle palla ao lume. Na sociedade non existe unha conciencia clara da necesidade de políticas de prevención. E isto non é algo do que só se teñan que ocupar as administracións, senón que pode abranguer desde asociacións de veciños até comunidades de montes, a múltiples colectivos, e no ámbito personal, ao que pode facer cada un de nóns individualmente.
Xa se produciu algún contacto coa administración?
Falouse coa consellaría de Presidencia, que é a área á que lle corresponden as competencias en materia de emerxencias e constatouse a receptividade á nosa idea. Despois de que a asociación se constitúa formalmente haberá novos contactos para deseñar as posibilidades de colaboración en temas moi concretos.
Debates como o das brigadas forestais, non insinúan que a profesionalización deste tipo de servizos é a clave cara a onde avanzar?
De forma xeral non imos apuntar que a solución sexa a profesionalización completa, porque iso é irrealizable. Ademais, o labor do voluntariado é tamén moi importante. Dunha e doutra banda, tanto os servizos xa profesionalizados ou as asociacións, ONGs e demais, todos coinciden na importancia de teren unha formación axeitada como unha das súas prioridades.