Contou co apoio de 128 dos 183 delegados das principais empresas do país, dirixirá a Confederación de Empresarios de Galiza outros catro anos.
Antonio Fontenla resultou elixido esta quinta feira presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), no que sería o seu terceiro mandato, co apoio de 128 dos 183 compromisarios chamados a votar na asemblea desenvolvida na sede da patronal galega, en Compostela.
Deste xeito, Fontenla impúxose ao seu único opoñente, o responsábel da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), José Manuel Fernández Alvariño -que conseguiu 53 votos-, a quen xa disputara a presidencia en 2001, con resultado favorábel para o empresario coruñés.
No seu discurso tras ser proclamado presidente, Fontenla chamou aos empresarios a estar "unidos" para facer fronte aos "retos" que a actual situación económica supón, e asegurou que unha das liñas de actuación durante o próximo mandato, de catro anos, será "ver implementadas" as medidas propostas no encontro empresarial do pasado 20 de abril, e que xa lles foron remitidas aos conselleiros e ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo.