Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pídenlle que conxelar os prezos públicos

Comezan as exixencias da patronal ao Goberno de Feijoo

Por outro lado, os promotores consideraron "axeitada" a fusión de ambiente e infraestruturas, e piden a ordenación do litoral para ter chan onde construír.

Redacción - 09:00 21/04/2009
O presidente, en funcións, da CEG, Antonio Fontenla

O presidente, en funcións, da CEG, Antonio Fontenla

Os principais sectores empresariais galegos, reunidos no Encontro empresarial-Propostas ante a crise, reclamáronlle á nova Xunta que pague "puntualmente" ás empresas e que se "conxele a creación de taxas e prezos públicos".

O presidente en funcións da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, expuxo as principais propostas que os empresarios entregaron aos representantes do novo Goberno, que pasan por unha redución da carga tributaria local -redución do Imposto de Sociedades, aprazamento do IVE e rebaixas para os autónomos-, a supresión do Imposto de Sucesións e Doazóns e do IAE (Imposto de Actividades Económicas), e por un pagamento "puntual" por parte das administracións públicas das "contraprestacións económicas por compra de bens e servizos ás empresas", que padecen "importantes aprazamentos dos seus cobramentos". Fontenla tamén volveu pedir a eliminación do canon hidráulico, creado polo bipartito, e o céntimo sanitario, ideado na era Fraga.

Fontenla reclama un pacto social con Goberno e sindicatos ante a situación de crise
Na súa intervención, ante máis dun milleiro empresarios de todos os sectores -nin o novo presidente da Xunta, nin os conselleiros, nin os representantes dos sindicatos asistiron ao acto, a pesar de estaren convidados-, destacou a necesidade de "estabelecer mecanismos para que as empresas reciban o financiamento" necesario para atender os seus pagamentos e "poder subsistir". "O máis grave desta crise é que empresas viábeis, por falta de crédito, víronse abocadas ao peche", dixo Fontenla, insistindo en que se debe facilitar o acceso ás fontes de financiamento bancario.

Reconverter o Igape e implantar a administración electrónica para axilizar a xestión de ERE e outros expedientes
Así, apostou por converter ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en "referente" das políticas de fomento do tecido empresarial, e orientalo ás "necesidades das pemes". Ademais, suxeriu que este instituto estabeleza acordos coas entidades financeiras, as sociedades de garantía recíproca "e demais axentes do sistema financeiro", para mellorar as liñas existentes que "nalgúns casos non chegan ou se demoran". A Xunta de Feijoo, dixo Fontenla, "debe apoiar" as actividades empresariais. "Non se debe afectar á competitividade empresarial co estabelecemento de maiores cargas" a través de novas regulacións, subliñou.

Nesta liña, pediu que se proceda a "analizar a simplificación administrativa", e apuntou directamente á promoción dos trámites electrónicos para "reducir as cargas ás empresas" e para "axilizar a tramitación de expedientes".

Os construtores critican a anterior Xunta, e parabenizan a Feijoo por unir consellerías
Por outro lado, o presidente da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia (Feproga) e a Asociación de Promotores Inmobiliarios (Aproin), Javier Garrido Valenzuela, tamén deu a súa valoración, tal como fixeran os empresarios, sobre as novas carteiras da administración Feijoo.

Garrido considerou que a decisión de fusionar nunha mesma consellaría as competencias de medioambiente e infraestruturas e urbanismo "é axeitado", pois, segundo el, esta medida vai terminar coa "multidependencia" do sector da construción. Nesta liña, Garrido asegurou que os promotores reciben ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, "ilusionados" e á espera de que os trámites se "simplifiquen" para eles. Un dos problemas que identificaban na anterior estrutura de Goberno, proseguiu, era o de ter que dirixirse "non só a distintas consellerías, senón a diferentes partidos políticos", apuntou. "Isto facía complicado negociar e consensuar" as medidas a tomar, dixo o representante dos promotores galegos, que cualificou a aposta pola unión destas competencias de "valente". "Conta co meu apoio; a redución da interlocución e a concentración un unha soa cabeza paréceme o axeitado", subliñou.

Garrido tamén se dedicou a falar da ordenación do litoral, unha medida que lle parece "esencial" e que, ao seu ver, Feijoo ten vontade de desenvolver. Para os construtores, hai que "determinar que se pode facer" nos mil quilómetros de costa cos que conta o noso país, xa que, segundo dixo Garrido, non se pode desprezar o significado da construción de inmóbeis con fins turísticos no litoral, e os construtores queren "chan para desenvolver a nosa actividade", concluíu.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: