Ao tempo que aparece un terceiro enfermo sospeitoso de padecer a doenza, a conselleira admite que non hai aínda resultados das análises.
Foi o pasado luns cando se fixo público o caso dun enfermo con síntomas de gripe na localidade de Mos que, debido á súa estancia recente en México, fixo sospeitar ás autoridades sanitarias que puidese tratarse dun caso do abrollo de H1N1.
Na altura deste venres, permanece sen confirmarse este caso nin o posterior, o aparecido cunha muller en Ourense. Ao tempo, a Consellaría de Sanidade informa dun terceiro caso sospeitoso da nova gripe, desta volta na Coruña, nun paciente que, asegura Sanidade, "non reviste gravidade". O afectado volveu esta mesma semana dunha viaxe a México e foi illado nun cuarto do Complexo Hospitalario Universitario d'A Coruña (CHUAC). Informan desde a Xunta que, ao igual que os outros casos sospeitosos da nova variante de influenza de orixe porcina, está sendo tratado "atendendo aos protocolos de actuación" recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
Ao respecto, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, explicou este venres que os resultados das análises do primeiro caso deberían coñecerse, "como moi tarde", durante a xornada do sábado. O paciente en cuestión permanece aínda ingresado no Complexo Hospitalario de Vigo (CHUVI).