Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CON RESTRICIÓNS

O Tribunal de Xustiza da UE admitirá escritos en galego, catalán e éuscaro

Unha oficina do Ministerio de Política Territorial encargase de traducir os textos ao castelán. Non se poderán referir á aplicación de normas nin para pedir subvencións ou postos de traballo.

Redacción / EP - 19:05 27/04/2009

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) recoñecerá o dereito da cidadanía a presentarlle cuestións en galego, catalán e éuscaro, ademais do resto das linguas oficiais dos 27, e a recibir as respostas no mesmo idioma. O secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido, e o secretario do TUE, Roger Grass, asinaron o acordo este luns en Luxemburgo.

O Estado Español é o primeiro da Unión Europea que asina un memorando para facilitar o uso de todas as súas linguas oficiais perante o Tribunal de Xustiza, segundo destacou a secretaría de Estado para a UE. Este acordo súmase a outros semellantes para permitir o uso do galego, do catalán e do éuscaro co Consello, coa Comisión Europea e co Comité das Rexiones, asinado en 2005, e coa Eurocámara, co Comité Económico e Social Europeo e co Defensor do Pobo Europeo, en 2006.

O acordo comezarase a aplicar en canto a Oficina para as Linguas Oficiais de Política Territorial se faga cargo das traducións. Os custos directos ou indirectos correrán a cargo do goberno español. Para dirixirse na lingua propia ao Tribunal de Xustiza da UE haberá que remitir os escritos á devandita oficina, que traducirá a mensaxe ao castelán para que o Tribunal redacte, pola súa banda, a resposta nesa lingua e posteriormente a oficina a traduza á lingua orixinal.

Restricións
Porén, a posibilidade de comunicarse co órgano comunitario en galego, catalán e éuscaro non se aplicará aos escritos de carácter xurisdicional, aos que se refiran á aplicación dunha norma legal nin aos que teñan por obxecto obter unha subvención ou un beneficio, nin para ofrecer candidaturas a postos de traballo.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: