Consideran "inaceptábel" que os negociadores da patronal pidan adiar unha semana as negociacións, nas que falta achegar posturas sobre salario e xornada laboral.
Adiase o acordo para o metal, en Pontevedra
Este mércores 15 membros da comisión negociadora do convenio do sector metal para a provincia de Pontevedra (pertencentes a CIG, CC.OO. e UXT) iniciaron un peche indefinido na Delegación da Consellaría de Traballo, en Vigo. Con este acto pretenden conseguir o antes posíbel unha nova entrevista coa patronal.
Antes de comezar o peche, os representantes sindicais mantiveron unha reunión co delegado provincial de Traballo en funcións, Pedro Borrajo, e comunicáronlle a súa decisión. Os sindicatos rexeitaron a oferta da patronal, que consistía nun convenio de dous anos mediante o que se comprometían a manter o poder adquisitivo dos traballadores.
Solicitan un convenio por un ano e instan á patronal a que expoña con claridade as condicións que ofrece no referente ás condicións de salario e xornada laboral. O factor determinante para o inicio deste peche foi a solicitude da patronal de adiar as negociacións durante unha semana. Ante isto as tres centrais coincidían en considerar "inaceptábel que o convenio non sexa unha prioridade na axenda dos negociadores da patronal".