Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En folga dende o pasado xoves

Os traballadores do metal retoman as mobilizacións en Vigo

CCOO, CIG, CUT e UXT foron convocados por Traballo ás 11.30 horas a unha xuntanza a que non acudiu a patronal porque segundo dixeron "non hai materia para negociar".

FAA - 13:15 07/05/2007
Este luns cumpriuse a terceira xornada de folga

Este luns cumpriuse a terceira xornada de folga

Os representantes dos catro sindicatos convocantes da folga indefinida no metal, CCOO, CIG, CUT e UXT, concordaron en sinalar que as expectativas de que o conflito se resolva a curto prazo son escasas. Este luns ás 11.30 horas reuníanse na Delegación de Traballo, convocados pola Administración. Finalmente, a Asociación de Industriais Metalúrxicos (ASIME) non acudiu á xuntanza, por considerar, segundo comunicaron mediante fax, que non hai nada que negociar, e acusaron aos traballadores de estar a prexudicar gravemente o sector.

Antolín Alcántara, responsábel da CIG-Metal, afirmou que o conflito "vai para longo" se a patronal non modifica a súa actitude, e dixo que as negociacións están en "punto morto". Ademais, Alcántara gabou a "cultura da resistencia" dos traballadores.

Xosé Antonio Álvarez, secretario xeral da Federación do Metal en Vigo da UXT, coincidiu en sinalar que a resolución do conflito "está nas mans dos empresarios, nós non podemos ceder máis", e destacou a "asistencia masiva" de operarios ás mobilizacións.

Manuel Camaño, voceiro do sindicato CUT, amosouse "escéptico" sobre un cambio de actitude na patronal, da que dixo "están a desviar a atención do principal problema, que é o evidente incumprimento do convenio". Como exemplo, sinalou a reiterada negativa de ASIME a considerar á CUT como interlocutor válido na mesa de negociación.

Ramón Sarmiento, responsábel de CCOO do sector naval en Galiza, tamén manifestaba ter "poucas esperanzas en que a patronal acuda a reunión", e que de ser o caso "veñan cun talante diferente". Segundo este, tanto a actitude como as declaracións dos empresarios nas últimas datas "non apuntan a pensar o contrario", e non dubidou en cualificar o seu comportamento como o propio dunha "patronal á antiga, completamente atrincheirada".

Cortes de tráfico no centro de Vigo

A xornada de mobilizacións ao longo de toda a mañá do luns desenvolveuse sen grandes incidentes. Houbo cortes de tráfico nos principais nós de comunicación do centro de Vigo, así como tamén na zona de Beiramar ou nos túneles de Bouzas, coa colocación de vallas de obra e contedores de lixo, algúns ardendo.

Ás 13.00 horas está prevista que teña lugar unha asemblea de traballadores fronte á Casa do Concello.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: