O acordo con El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa elevará a audiencia en Galiza do xornal madrileño até os 80 mil lectores.
ABC vai aumentar a súa influencia no noso país, cando menos en canto ao seu número de lectores, despois de que este mércores se fixese efectivo o acordo ao que hai unhas semanas chegou coa editorial La Capital para a súa distribución gratuíta con El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa. O xornal madrileño xa chega aos fogares dos subscritores destas cabeceiras, que se benefician, a cambio, das promocións e agasallos que distribúe ABC, ademais dos seus suplementos. Prevese que dentro duns meses comece a distribución conxunta nos quioscos, como xa anticipou Vieiros hai unhas semanas.
O xornal dirixido por Ángel Expósito tivo un papel moi activo na última campaña electoral, cunha estratexia de presión e crítica feroz contra os partidos que compuñan o bipartito, en especial contra Emilio Pérez Touriño. O ABC ten na actualidade ao redor de vinte mil lectores en Galiza, aos que a partir de agora sumará os 26 mil de El Ideal Gallego, os 25 mil de Diario de Ferrol e os 15 mil de Diario de Arousa (segundo os datos do EGM). En total, a audiencia do xornal conservador superará os oitenta mil lectores no noso país.
A pesar de que Galiza continúa sendo unha das comunidades autónomas do Estado Español nas que a denominada 'prensa de penetración' acada unha cota de mercado máis baixa (só superada por Navarra), o certo é que nos últimos anos as cabeceiras editadas en Madrid puxeron en marcha unha serie de estratexias e acordos que lles permitiron aumentar a súa difusión. O máis importante foi o que acadou El Mundo en 2001 para a súa distribución conxunta con El Correo Gallego, o que lle permitiu superar os 21 mil xornais vendidos en 2008. Tamén El País, coa posta en marcha da súa edición galega, conseguiu mellorar os seus datos, que na actualidade roldan os 20 mil exemplares diarios, segundo datos do OJD de 2008.
En calquera caso, a operación pode entenderse como unha resposta máis das cabeceiras de papel á crise que veñen sufrindo dende hai anos, e que se acentuou co espectacular descenso da publicidade nos últimos meses, produto da crise xeral da economía.